O Pavillón do Centro Príncipe Felipe xa loce nunha das fachadas o mural "O abrazo", que a artista Diana Bama vén de pintar.
Esta imaxe dunha reconfortante aperta entre dúas mulleres é unha nova acción artística do programa da Deputación de igualdade e loita contra as violencias machistas "Mulleres en Acción. Violencia Zero". Simboliza a sororidade e o apoio mutuo entre as mulleres.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva incidiu no papel da arte "como axente mobilizador de conciencias e un elemento clave para transformar as sociedades", especialmente en programas como "Violencia Zero", onde "visibilizamos ás mulleres da creación que traballan en Galicia e elaboran pezas artísticas como accións para combater a desigualdade e as violencias machistas".
Diana Bama é unha creadora multidisciplinar que plasma o seu traballo sobre diferentes soportes e a través de distintas técnicas, e combina o campo da arte urbana, a escultura, o debuxo e o tatuaxe. Converte as paredes e rúas en paisaxes das súas personaxes. Licenciada en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia, fixo a Mestría en Artes Visuais pola Universidade Nacional Autónoma de México e en 2014 comezou o proxecto persoal titulado "Ecofeminismo como proxecto de vida".