As oportunidades perdidas en Galicia debido ao golpe de Estado do ano 1936 centran o libro 'O pasado por vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o Franquismo', que edita o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Este mércores presentábase esta obra que anima a recuperar o espíritu das vangardas galegas dos anos previos ao Franquismo.
A escritora e xornalista Montse Fajardo coordina esta obra presentada pola deputada responsable de Memoria Histórica María Ortega. Diferentes especialistas realizan unha análise do país dende o terreo económico pasando pola política, os movementos sociais e a cultura ata deterse na importancia do ensino. Nomes como Marcelino Abuín, Carlos Francisco Velasco Souto, Dionisio Pereira, Xosé Álvarez Castro, Manuel Igrexas, Raúl Soutelo, Ricardo Guirriarán, María Victoria Martíns e Carme Vidal ofrecen a súa visión sobre diversos aspectos daquel primeiro terzo do século XX.
O Museo de Pontevedra cede as imaxes desta obra e a fotografía da portada corresponde a Alba Díaz. María Ortega sinalou que este traballo forma parte do programa 'O Pasado por Vir' e quere traer á actualidade aquelas ideas avanzadas que situaron a Galicia no panorama internacional. "É unha obriga para con as xeracións máis novas, para establecer un vínculo entre aquel tempo de esperanza - a primavera republicana-, e o presente, que debe ser xérmolo dun futuro prometedor para o noso país", dixo a deputada provincial.
Montse Fajardo destacou que este libro quere colaborar en facer xustiza ás vítimas do franquismo avanzando na memoria e ampliando o seu relato. A proposta da obra céntrase en ofrecer como era a sociedade que estaban tentando construír e que o fascismo botou por terra. Explicou tamén que "aquela Pontevedra efervescente na que Castelao quería pintar paisaxes, Bóveda ideaba unha Galiza dona de seu e Ernestina Otero, como outras mestras da República, traballaba en prol dunha escola para todos os nenos e todas as nenas. Perdela foi un drama para todo o país".
Nesta liña apuntou que a historia debe ser unha ferramenta de construción do futuro e transmitir ás novas xeracións o legado para avanzar na "creación dunha sociedade máis xusta", afirmaba a escritora.
Xosé Álvarez Castro tamén indicaba, pola súa parte, a importancia das parroquias como núcleos asociativos no agrarismo e como elementos para impulsar o movemento cultural. Por último, Carlos Velasco invitaba, na súa intervención, a analizar a mudanza social anterior a 1936.