O Paroleiro irá este venres cos seus contos á Biblioteca de Campelo

Poio
20 de abril 2022

Esta actividade gratuíta, dirixida a crianzas maiores de 4 anos, dará comezo ás 17.00 horas e forma parte da axenda cultural Verbas en Flor, promovida pola Concellería de Cultura

Contacontos O Paroleiro
Contacontos O Paroleiro /

O contacontos O Paroleiro, a cargo de Pablísimo, chegará este venres 22 de abril á Biblioteca Municipal de Campelo. Esta iniciativa, que dará comezo ás 17.00 horas, forma parte do ciclo ‘Entre Libros Anda o Conto’, impulsado pola Concellería de Cultura e Educación. A edil responsable deste departamento, a nacionalista Raquel Rodríguez, explica que a través deste tipo de iniciativas búscase fomentar a lectura entre as crianzas, consolidándoa como unha fórmula de lecer. 

Precisamente, este tipo de citas desenvólvese co gallo da celebración do Día Internacional do Libro, que será o vindeiro 23 de abril. 

Este contacontos está dirixido a nenos maiores de 4 anos e, a través del, as crianzas terán ocasión de familiarizarse con relatos e historias tradicionais, cunha intervención na que son protagonistas a narración oral, a música ou os poemas numéricos, entre outras sorpresas. A entrada é gratuíta e ata completar aforo.

En principio, a cita estaba prevista que se desenvolvera na Praza da Granxa de Campelo, pero, debido ás adversas condicións meteorolóxicas que se prevén para o venres, finalmente decidiuse trasladala á Biblioteca Municipal. 

Por outra banda, a concelleira de Cultura informa de que o vindeiro día 29 terá lugar unha nova cita dentro deste ciclo. Será o Contacontos en Movemento: libros e ioga para familias, unha actividade pensada para crianzas de idades comprendidas entre os 4 e os 9 anos e os seus pais e nais. Esta actividade será desenvolverase no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, con prazas limitadas.

Estas iniciativas forman parte da axenda cultural Verbas en Flor, unha programación que recolle diferentes actividades a desenvolver ao longo da primavera e que está impulsada polo departamento de Cultura, en colaboración con Normalización Lingüística, Medio Ambiente e Memoria Histórica.