O Palacete das Mendoza abre ao público este venres, 19 de abril, a exposición "Color y vida", na que a pintora pontevedresa Soco Vara de Rey recompila as súas pinturas na busca da cor e "da forma do meu verdadeiro eu". A mostra poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas, ata o vindeiro 5 de maio.
Como explica a o propia artista, a súa obra actual xorde tras un período de cinco anos sen pintar. Un cambio na súa vida impulsouna a retomar os pinceis e encher os seus cadros de cores. Desta maneira, para crear as súas obras prepara o soporte cunha base de cor e despois "deixa fluír" o pincel ao ritmo da súa imaxinación e sentimento, algo que se pode observar en cada un dos cadros da mostra.
Soco Vara de Rey (Pontevedra, 1948) comezou a pintar de maneira autodidacta en 1970, aprendendo en Bilbao, onde residía, cos pintores Carmelo Bilbao e Consol Xiberta. Posteriormente, ao longo dos anos formouse con artistas como Eduardo Peña ou Enrique González, en Madrid, se ben tamén realizou diferentes cursos en Pakistán ou Viena, lugares nos que viviu en diferentes épocas da súa vida. Ten realizado exposicións, tanto individuais como colectivas, en Madrid, Viena, Asturias, Lugo, Valladolid,
Barcelona, Mallorca ou Pakistán.
A exposición "Cor e vida" que acollerá a partir deste venres o Palacete das Mendoza, pode visitarse ata o 5 de maio de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e domingo de 10:00 a 14:00 horas.