O Museo Torres inaugura a exposición do Artista Marinense do Ano, Xaquín Soneira

Marín
31 de marzo 2022

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada doutros representantes municipais e do comisario da exposición, Antón Sobral, engrandeceu a obra deste artista, "que viviu na nosa vila e desenvolveu unha prolífica obra pictórica, que hoxe poñemos en valor"

Inauguración da exposición do Artista Marinense do Ano, Xaquín Soneira
Inauguración da exposición do Artista Marinense do Ano, Xaquín Soneira / Concello de Marín

Xaquín Soneira forma parte desde este xoves da lista de Artista Marinenses, un compendio de artistas relevantes da vila aos que o Concello quere recoñecer a súa traxectoria artística.

Esta tarde foi inaugurada a mostra de Soneira no Museo Torres a cargo da alcaldesa, María Ramallo, acompañada doutros representantes municipais e do comisario da exposición, Antón Sobral. A todas as persoas que se achegaron, regaláronselle ademais uns catálogos cunha representación da obra do artista e con textos da súa sobriña, Begoña Soneira.

Ramón Francisco Soneira, máis coñecido como Xaquín Soneira, naceu en Marín o 5 de febreiro de 1953. Fillo de Juan Soneira e Manuela Patiño, Xaquín criouse cos seus outros catro irmáns na súa casa da Rúa da Roda. Do seu pai, un mestre represaliado durante o franquismo, Xaquín e os seus irmáns herdaron cualidades artísticas que máis adiante desenvolverían tanto el, coma dous dos seus irmáns.

Axiña descubriu que a súa vida discorrería da man da creación, sendo a súa primeira exposición na alameda de Marín a mediados dos anos setenta.

Non se pode entender a obra deste destacado marinense sen facer referencia ao seu lugar de nacemento. Marín viuno nacer e despediuno, e alí descansa, no cemiterio da Raña, aos pés dos seus pais, xunto aos seus familiares. Xaquín tivo desde sempre claro que Marín era a áncora da súa nave de cores, das súas personaxes, das súas formas abstractas e das súas musas.

Habitaba as súas rúas, polas que paseaba a diario, e a súa figura era parte da paisaxe da vila. Desde os seus inicios, Xaquín tivo unha estreita relación co Ateneo Santa Cecilia, vínculo que herdou do seu pai Juan, que  frecuentaba aquel lugar onde coincidía co seu amigo artista e tamén mestre Manuel Torres, ambos amantes da acuarela, entre outras técnicas artísticas.

Xaquín foi un pintor autodidacta que peregrinou por distintas técnicas artísticas, entre as que caberían destacar os seus óleos de finais dos anos 80 e anos 90. Admirador de Miró ou Picasso, Soneira abrazou ademais outros formatos como a acuarela, os acrílicos, a pintura pastel, a talla e a escultura en madeira. Utilizou diversos soportes como o lenzo, papel, cartolina ou táboa. O denominador común da súa obra é a forza das súas composicións, dominadas pola abstracción e a cor.