O Museo será escenario dun acto conmemorativo sobre o legado de Castelao o 30 de xaneiro

Pontevedra
23 de xaneiro 2019

O evento leva por título 'A vixencia do legado de Castelao' e contará coa colaboración do CEIP Carlos Oroza, que elaborará un menú como o de Liceo Casino para o que Castelao realizou ilustracións. Galaxia presentará tamén a nova edición dos álbum de Guerra do artista de Rianxo

Francisco Castro, director de Galaxia; Xosé Leal, deputado de Cultura e a investigadora Diana Vilas presentan 'A vixencia do legado de Castelao'
Francisco Castro, director de Galaxia; Xosé Leal, deputado de Cultura e a investigadora Diana Vilas presentan 'A vixencia do legado de Castelao' / Mónica Patxot

O deputado de Cultura Xosé Leal; o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro e a investigadora Diana Vilas anunciaron este mércores a proposta prevista para o vindeiro mércores 30 de xaneiro no Sexto edificio do Museo de Pontevedra. A partir das 19.30 horas desenvolverase un acto conmemorativo en relación co nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao baixo o título 'A vixencia do legado de Castelao'.

O acto contará coa colaboración do CEIP Carlos Oroza, que se encargará da elaboración dun menú de degustación baseado no que realizou o Liceo Casino para unha cea na que o presidente da entidade lle pedira a Castelao que realizara as ilustracións. O artista realizounas pero non acudiu ao evento alegando que nunca iría a un acto ao que non puidera ir a súa nai cun pano na cabeza, comentou o deputado Xosé Leal destacando a defensa da muller rural e da percepción social que tiña o autor de Rianxo.

No acto tamén vai presentarse a edición dun estoxo cos 'Álbums da Guerra' que realizou a editorial Galaxia por encargo da Deputación Provincial, unha edición facsimilar das obras que se gardan no Museo de Pontevedra e que será remitida a todos os Concellos e ás bibliotecas da provincia.

O director de Galaxia, Francisco Castro, destacou a relación entre o autor galeguista e esta editorial na que se publicou toda a súa obra e subliñou a importancia desta edición moi coidada. Anunciou que ao acto asistirá Xesús Alonso Montero, ex presidente da Real Academia Galega, que considera que estes traballos conforman o "Guernica galego".

Pola súa banda, a investigadora Diana Vilas fixo referencia á relación entre esta obra con 'Los desastres de la guerra' de Goya e remarcou a sensibilidade de Castelao coas vítimas que aparecen nas ilustracións e coas mulleres, que nalgúns casos aparecen encabezando a loita. Vilas insistiu no carácter universal desta obra, que se percibe a través das 'lendas' que aparecen nas obras. A estudosa da obra de Castelao tamén indicou que aínda hai moitas liñas de investigación abertas sobre a obra gráfica do artista.