O persoal técnico do Museo de Pontevedra traballa para ampliar os prazos de visita, cambiar as datas de celebración de exposicións e permitir a entrada presencial de público as mostras que deberían estar abertas co fin de que o COVID-19 teña unha afectación o máis reducida posible na súa tarefa divulgativa.
Nestes momentos, a exposición Debuxantas, acollida na sala 1 do Sexto Edificio do Museo e con data de peche para o 17 de maio, tenta prorrogarse o tempo suficiente para que o público poida desfrutarla. Non será posible a extensión da mostra de Leopoldo Nóvoa, programada ata o 26 de abril, nin adiar a instalación A palabra empoderada, que se ía expoñer con motivo da celebración do 8 de marzo e estaba prevista entre o 18 de marzo e o 19 de abril.
Aprázase tamén a exposición Mestras e mestrados, unha mostra que reivindica as artistas profesoras da Facultade de Belas Artes de Pontevedra que teñen impartido docencia no Mestrado en Arte contemporánea, Creación e Investigación, e que estaba prevista entre o 26 de marzo e o 3 de maio.
Ademais do traballo de reorganización de exposicións e o traballo administrativo, a actividade no Museo continúa coa vixilancia e conservación diaria, por unha persoa técnica, tanto das mostras itinerantes como das permanentes.
Por outra banda, para paliar a situación actual, o persoal técnico está na procura intensificar a presenza en redes sociais e online da institución. Unha das novidades é a oferta no Facebook do Museo, que publica cada día a primeira hora fotografías en 360º comentadas sobre as exposicións permanentes que alberga o Edificio Sarmiento e o Sexto. Ademais, pola tarde publícanse post con vídeos, fotos e imaxes 360º centrados nas exposicións temporais de Leopoldo Novoa 1919-2019 e Debuxantas.