O Museo reestrutura as Salas Castelao para expoñer os orixinais do Álbum Nós

Pontevedra
19 de xaneiro 2018

A partires do vindeiro martes, 23 de xaneiro, pecharase a Sala 2 para reformular o espazo e dar cabida ás 50 obras do Álbum. As obras foron cedidas o pasado ano ao Museo de Pontevedra por un período de cinco anos

Sala Castelao do Museo de Pontevedra
Sala Castelao do Museo de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O vindeiro martes pecharase ao público a Sala 2 dedicada á obra de Castelao no segundo andar do Sexto Edificio do Museo. Este peche temporal débese ao inicio das obras precisas para reformular o espazo e a distribución da obra e dar cabida aos 50 orixinais do Álbum Nós, que recentemente foran cedidos ao Museo por un período de 5 anos.

A Sala 2 contén neste momento os albumes de guerra, os debuxos de negros, as cruces de pedra da Galiza e da Bretaña, os óleos e acuarelas de pequeno formato e a vitrina coas máscaras orixinais e a documentación relativa á obra teatral "Os vellos non deben de namorarse".

Para dar cabida á serie do Álbum Nós, realizarase unha nova compartimentación do espazo e, posteriormente, acometerase tamén unha pequena reformulación da Sala 1, que é na que se expoñen, entre outras obras, os óleos de gran formato do tríptico "Contos de Cegos", propiedade da Real Academia Galega. O Museo calcula que este proceso de reformulación de espazos e distribución de obras durará arredor de dous meses.

A exposición do Álbum Nós de xeito permanente nas salas dedicadas a Castelao permitirá que o público se poida achegar a unha obra que permanecera oculta durante máis de oito décadas. Hai que lembrar que desde 1924 non se volveron ver expostas as estampas que conforman o Álbum e que desde a década de 1930 se perdera a pista do seu paradoiro.

Grazas ao traballo de investigación do equipo técnico do Museo de Pontevedra, os debuxos orixinais foran localizados nunha colección particular no mes de marzo de 2016 e foran expostos no marco da mostra "Meu Pontevedra", que tivo lugar entre o 28 de xuño e 11 de setembro, e que conmemoraba o centenario da chegada de Castelao á cidade.

Tras a cesión puntual das estampas para aquela exposición en concreto, o equipo do Museo negociou coa familia propietaria a cesión da obra por un período inicial de 5 anos.