O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, reclamou este xoves publicamente a inclusión dos petróglifos máis salientables da arte rupestre galega na Lista indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco.
Segundo argumentou, esta inclusión axudaría a coidar e pór en valor o patrimonio prehistórico do país, e citou coma exemplo o que xa acontece coa arte prehistórica cantábra (Altamira) ou a levantina.
Xosé Manuel Rey fixo estas declaracións durante a inauguración da mostra ‘Arte Prehistórica. Da rocha ao Museo’, unha exposición chegada do Museo Arqueolóxico Nacional –MAN-, que conmemora o centenario da exposición ‘Arte prehistórica española de 1921’, un fito fundamental para o coñecemento e a difusión da arte prehistórica.
O director do Museo de Pontevedra considera que a ausencia de Galicia na Lista Indicativa da Unesco "é incomprensible a día de hoxe pola cantidade e singularidade dos seus elementos de arte prehistórica esquemática, característicos do territorio galego".
Subliñou, así mesmo, que a arte rupestre prehistórica está "infrarrepresentada" con respecto a outro tipo de bens, xa que apenas chega ao 4% do patrimonio cultural recoñecido aínda sendo o máis numeroso en tempo de creación.
O conservador xefe do Departamento de Prehistoria do Museo Arqueológico Nacional (MAN) e comisario da exposición Eduardo Galán, explicou que escolleron o Museo de Pontevedra como terceiro lugar no estado para dar a coñecer a súa mostra sobre arte prehistórica dado o traballo sobre arte rupestre que se fai na provincia."Este Museo es un centro importante en el estudio e investigación. ¿Qué mejor lugar? Es un gran museo provincial y tiene una gran colección de arte rupestre", salientou.
DA ROCHA AO MUSEO
A exposición temporal ‘Da rocha ao Museo’ chega a Pontevedra tras a súa exhibición no MAN en Madrid durante catro meses, no Museo de Altamira, e en Portugal no Museo do Coa.
O proxecto inspírase na mostra que en 1921 a Sociedade Española de Amigos da Arte dedicou á arte prehistórica española e expón unha reflexión sobre a entrada da arte rupestre prehistórica nos museos e as súas formas de exposición.
Na sala pódense ver máis de 250 pezas entre lenzos con reproducións de figuras, materiais como arpóns, restos de animais, elementos líticos, fragmentos espoliados, publicacións e audiovisuais
‘Da rocha ao Museo’ estará no Museo de Pontevedra ata o vindeiro 9 de outubro. Contará con visitas guiadas o vindeiro mes de agosto, os días 11, 18 e 25 ás seis da tarde.