O Museo de Pontevedra programará catro obradoiros artísticos experimentais dirixidos a familias e xirarán arredor do Camiño a Santiago de Compostela, as súas paisaxes e as persoas que o percorren, motivando a reflexión das persoas participantes.
As obras que se creen serán expostas nunha mostra que combinará a creación artística con información do Camiño de Santiago.
Estes obradoiros, que se desenvolverán os catro primeiros sábados de outubro (1, 8, 15 e 22) de 11.30 a 13.30 horas no Edificio Castelao, están dirixidos a público familiar co obxectivo de favorecer o intercambio xeracional.
Deste xeito, cada neno estará en compañía dunha persoa adulta, ata un máximo de 12 parellas por sesión. Ademais, haberá prazas reservadas para nenos con necesidades especiais. A inscrición ábrese este luns a través do correo electrónico [email protected].
Esta actividade forma parte do proxecto 'O Museo en Camiño, volta á ruta', que inclúe tamén accións didácticas en centros escolares da provincia. Desde o 16 de setembro, desenvólvese un programa didáctico itinerante para achegar o patrimonio do Museo a cinco pequenas poboacións situadas no Camiño Portugués.
O proxecto xa pasou por Barro e Catoira, e chegará en próximas datas ao CPI de Pontecesures (29 de setembro), ao CEIP de Ponte Sampaio (3 de outubro) e ao CEIP Outeiro das Penas de Cesantes (11 de outubro). O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria destes centros recibe a visita de Raquel Queizás, que fai unha representación teatral baseada na escolma de pezas representativas da colección do Museo.
O proxecto é unha iniciativa de Taller Abierto e Paspallás en colaboración co Museo de Pontevedra. Forma parte do programa 'O teu Xacobeo' da Xunta de Galicia. A proposta deste ano dá continuidade a unha primeira fase deste proxecto que se desenvolveu xa en 2021.