O Museo de Pontevedra presentará o próximo mércores 22 de novembro a edición facsimilar de dous romances humorísticos ata agora inéditos realizados en 1935.
Trátase dos facsímiles de Romance de unha fatal ocasión e Tibi Bastianus Imperator Peruensis, dous romances que varios membros do Seminario de Estudos Galegos elaboraron no contexto da xeira da comarca de Deza e que dedicaron a seminaristas ausentes.
Completan a edición dous estudos introdutorios, realizados por María Jesús Fortes Alén, responsable da área de Documentación do Museo de Pontevedra. A transcrición dos textos é de Eva Pena Rodríguez, técnica do Arquivo Documental do Museo.
A presentación será as 19:00 horas no Edificio Castelao e, para a ocasión, Quico Cadaval, Larraitz Urruzola e Francisco do Romuado van poñer en escena unha versión para monicreques e cantar de cego de Romance de unha fatal ocasión. A dirección e dramaturxia foi realizada por Quico Cadaval.
Romance de unha fatal ocasión é un exercicio literario con caligrafías e ilustracións de varios membros do Seminario de Estudos Galegos, aínda que o estudo de Fortes Alén defende que a autoría do conxunto sería de Xosé Filgueira Valverde. O texto dedicáronllo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que acababa de ser desterrado a Badajoz, cunha dedicatoria que se estende a outros ausentes: Alexandre Bóveda, tamén castigado en Cádiz, e Robustiano Fernández Cochón. O manuscrito orixinal gárdase no Arquivo Filgueira Valverde do Arquivo Documental do Museo.
O documento inclúe ilustracións de Vicente Risco, Manuel Gómez Román, Hermida e Laxeiro, que ilustra a portada. Os versos do romance teñen a caligrafía dun nutrido número de membros do Seminario: Florentino López Cuevillas, Risco, Xaquín Lorenzo 'Xocas', Xosé Ramón Fernández-Oxea 'Ben-Cho-Shey' ou Antonio Iglesias Vilarelle, entre outros.
Tibi Bastianus Imperator Peruensis ten características similares e non se coñecía publicamente ata que este ano foi doado ao Museo por Juan Manuel González Lamela, fillo de Sebastián González García-Paz. É a este membro do Seminario de Estudos Galegos a quen lle dedican a composición dous amigos e compañeiros do Seminario de Estudos Galegos: Xosé Ramón Fernández-Oxea 'Ben-Cho-Shey' e Xaquín Lorenzo 'Xocas'.
Este segundo romance está datado no 15 de xullo de 1935, cun texto escrito por Ben-Cho-Shey que remite na temática á tradición tardomedieval. Acompañan o texto ilustracións de Xocas.