O Museo de Pontevedra contará entre as súas actividades, do 2 ao 6 de setembro, diversas propostas relacionadas coa heráldica e coa arte dos séculos XV e XVI, con motivo da celebración da Feira Franca.
A primeira actividade levará o público interesado a comprobar a arte que se realizaba en Pontevedra durante esta época histórica, a través das diferentes pezas expostas no Sexto Edificio do Museo. A visita terá un carácter lúdico, xa que os participantes se encontrarán durante o seu percorrido polo edificio cun trobador que os situará na Pontevedra medieval, coa comprobación das obras relacionadas coa cidade durante os anos de esplendor económico.
As visitas desenvolveranse todos os días dende o 2 ao 5 de setembro, ás 19.00 horas, e serán de participación libre e gratuíta.
Os nenos contarán cun obradoiro de heráldica que se realizará o 6 de setembro, en sesións de mañá e de tarde. Nos soportais do edificio Fernández Flórez del Museo, os máis pequenos poderán coñecer a simboloxía dos seus apelidos e crear o seu propio escudo heráldico. Poderán coñecer a importancia que xogaron os escudos na identificación dos principais liñaxes da nobreza galega.
Ese mesmo sábado 6 de setembro, día de celebración da Feira Franca, os adultos tamén poderán coñecer a heráldica, a través de visitas teatralizadas aos diferentes edificios do Museo, para coñecer os escudos exteriores dos edificios Castro Monteagudo, García Flórez, Fernández López e Vide. As visitas tamén serán abertas a todo o público e desenvolveranse en dúas sesións, ás 12.30 e ás 18.30 horas. O punto de encontro establécese no edificio Fernández Flórez.