O Museo editará un facsímil de dous romances ilustrados inéditos realizados polos membros do Seminario de Estudos Galegos

Pontevedra
29 de xuño 2023

O volume incluirá 'Romance de unha fatal ocasión', dirixido a Castelao cando estaba exiliado en Badajoz, con texto de Filgueira Valverde e ilustracións de Laxeiro e Risco, entre outros. Tamén se incluirá outro romance que Ben-Cho-Shey e Xaquín Lorenzo dedican a Sebastián González e que acaba de ser doado ao Museo polo fillo deste

Tibi Bastianus Imperator Peruensis, unha composición dedicada a Sebastián González García-Paz
Tibi Bastianus Imperator Peruensis, unha composición dedicada a Sebastián González García-Paz / Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra está inmerso na preparación do seu programa de celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Unha das accións previstas é a edición de dous documentos ata agora inéditos e que reúnen un grande interese histórico, literario e artístico. Á xa prevista edición facsimilar do 'Romance de unha fatal ocasión', un poema que os seminaristas dedicaron a Castelao, únese a doutro romance do mesmo ano 1935 dedicado a Sebastián González García-Paz e que acaba de ser doado ao Museo polo fillo deste.

Estes dous romances encádranse no contexto das "xeiras" que organizaba o Seminario de Estudos Galegos, e en concreto na do Deza. O Seminario organizábase en seccións dedicadas a distintas disciplinas pero que periodicamente realizaban saídas conxuntas de arredor dunha semana a diferentes comarcas galegas, nas que se reunían o maior número de membros posible e que buscaban recoller información sobre o terreo, poñela en común e intercambiala. O recoñecemento do Deza comezou en 1928 e intensificouse nos veráns de 1934 e 1935.

Nesta última campaña de investigación, desenvolvida a principios de xullo do 35, faltou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que acababa de ser desterrado a Badajoz. Como xa fixeran noutras ocasións con textos dedicados a Vicente Risco e outros, os seminaristas dedicáronlle a Castelao o 'Romance de unha fatal ocasión', un exercicio literario con caligrafías e ilustracións de varios deles. Aínda que o de Rianxo era o destinatario principal do poema, a dedicatoria faise extensiva a outros ausentes: Alexandre Bóveda, tamén castigado en Cádiz, e Robustiano Fernández Cochón. O manuscrito orixinal gárdase no Arquivo Filgueira Valverde do arquivo documental do Museo.

O documento inclúe ilustracións de Vicente Risco, Manuel Gómez Román, Hermida e Laxeiro, que ilustra a portada. Os versos do romance teñen a caligrafía dun nutrido número de membros do Seminario: Florentino López Cuevillas, Risco, Xaquín Lorenzo "Xocas", Xosé Ramón Fernández-Oxea "Ben-Cho-Shey" ou Antonio Iglesias Vilarelle, entre outros. 

Ao fragmento coa caligrafía de Cuevillas pertencen estes versos, que son un bo exemplo da visión humorística sobre os membros e as actividades do Seminario que se recollen no romance: "Na casa do Ferrador / o Seminario pousaba; / nas camas de chinches de ouro / nas sabáns pulgas de prata. / D. Luis Iglesias traguía / o solimán contra as pragas / a celta fouce no cinto / a seriedade na cara".

Para as arquiveiras responsables da área de documentación do Museo, a composición "mantén unha unidade de argumento e ritmo que fai pensar que se trata da obra dun só autor". As evidencias que recollen no estudo introdutorio que acompañará a edición apuntan a que o autor sería Xosé Filgueira Valverde.

DOAZÓN DUN INÉDITO

A edición facsimilar deste romance completarase no mesmo volume coa doutra peza de características similares e que ata agora non se coñecía. 

Trátase de Tibi Bastianus Imperator Peruensis,unha composición dedicada a Sebastián González García-Paz por dous amigos e compañeiros do Seminario de Estudos Galegos: Xosé Ramón Fernández-Oxea, "Ben-Cho-Shey" e Xaquín Lorenzo "Xocas".

Juan Manuel González Lamela, fillo de Sebastián González, vén de doar ao Museo de Pontevedra este importante documento inédito.

Este segundo romance está datado no 15 de xullo de 1935, cun texto escritor por Ben-Cho-Shey que remite na temática á tradición tardomedieval, o que tamén se reflicte na coidada caligrafía.

Acompañan o texto ilustracións de Xocas, nas que aparecen os personaxes do poema: unha moura encantada, o propio Sebastián González e o seu profesor, o "furibundo" Abelardo Moralejo, na forma dun dragón.

O contexto no que se compuxo este romance é o mesmo do dedicado a Rodríguez Castelao; son obras que os membros do Seminario de Estudos Galegos lle dedican aos compañeiros ausentes nas súas actividades conxuntas. Esta peza conta cun brillante sentido do humor, como mostran os catro versos cos que se invocan ao destinatario do romance, que se repiten ao longo do texto: Meu señor don Sebastián / moço de noble fasquía / si non fora pol-o queixo / outro como il non había.

CENTENARIO DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS

A publicación está prevista para outono deste ano, nun volume que incluirá un estudo introdutorio e un apéndice documental cunha serie de notas redactadas por Filgueira Valverde na que se recollen anécdotas das xeiras do Deza que dan o contexto necesario para entender o contido do 'Romance de unha fatal ocasión'.

A programación do Museo de Pontevedra polo centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos completarase con outras actividades: dúas saídas temáticas a modo de xeiras pola comarca do Deza en setembro, un ciclo de conferencias en outubro e a apertura dun espazo web para divulgar os materiais do SEG custodiados no Museo.