O Museo de Pontevedra volve formar parte da Comisión Permanente do Consello Galego de Museos

Pontevedra
24 de abril 2024

A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, será vogal do Consello Galego de Museos

Ángeles Tilve directora museo
Ángeles Tilve directora museo / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra acaba de confirmar que o Museo de Pontevedra volve formar parte da Comisión Permanente do Consello Galego de Museos. 

A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, foi elixida na última Asemblea do Consello Galego de Museos celebrada neste mes de abril como vogal da súa Comisión Permanente e acaba de aceptar formalmente a súa designación con vixencia de catro anos.

O vicepresidente provincial Rafa Domínguez enmarca esta nova na súa aposta para converter a Pontevedra "nunha grande capital cultural na que o Museo de Pontevedra sexa o seu faro".  

Domínguez recordou que o novo equipo directivo do Museo de Pontevedra ten deseñado xa un amplo programa expositivo para o 2024, está a traballar para organizar unha Bienal de Arte no 2025 de "altístima calidade", está a avanzar na posta en marcha dun proxecto museístico global e na apertura dalgúns dos seus edificios que levan unha década pechados.

O Consello Galego de Museos é unha plataforma estable de coordinación e colaboración entre as institucións museísticas galegas. Xurdiu a partir do primeiro Coloquio de Museos Galegos, en 1981. 

En 1983 formalízase a súa creación e en 1990 adquire o estatuto legal mediante a fórmula de asociación de ámbito galego. Forman parte do Consello os museos da Capela, A Coruña, Allariz, Amoeiro, Betanzos, Bueu, Castro de Rei, Cervo, Corcubión, A Fonsagrada, Friol, Lugo, Melide, Mondoñedo, Oseira, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Ribadavia, Santiago de Compostela, Vigo, Vilalba, Vilanova de Lourenzá e Vilar de Santos.