A Deputación de Pontevedra, ante as novas medidas contra o coronavirus anunciadas pola Xunta de Galicia, vén de ampliar o seu protocolo de actuación.
Así, o goberno provincial anunciou o peche do Museo de Pontevedra. Desde este venres, polo tanto, quedan suspendidas todas aquelas actividades, seminarios, programas e visitas ata que se restableza a normalidade. Igualmente pechará o Arquivo Provincial.
Unha das súas traballadoras, ademais, está a desenvolver desde o pasado luns as súas tarefas desde o seu domicilio tras un contacto cunha persoa en Madrid que despois deu positivo no COVID19. Non presenta sintomatoloxía algunha pero permanecerá na casa dúas semanas
A Deputación tamén pechará desde este venres os castelos de Soutomaior e Sobroso, así como a Escola de Cantería. Igualmente suspéndense todas as actividades que se estaban a facer nos centros escolares do programa Revitaliza e dos programas DepoEmprende, as escolas deportivas, os cursos de Labora 2020 e as actividades presenciais de SmartPeme.
Ademais, o protocolo permitirá que o persoal da institución, salvo nos servizos esenciais como Príncipe Felipe, poida acollerse a medidas de flexibilidade horaria ou traballo remoto para minimizar o impacto nas familias.
Desde o departamento de Novas Tecnoloxías, xa se está a traballar nunha estrutura para que os traballadores que poidan acollerse ao traballo remoto segundo as necesidades dos servizos dispoñan desde os seus domicilios das condicións de conexión adecuadas para poder realizar online as súas tarefas.
Aínda que a recomendación segue a ser evitar a presenza da cidadanía nas sedes da Deputación e que o público realice todas as xestións a través das canles telemáticas e telefónicas, o goberno de Carmela Silva decidiu tamén incrementar a protección do persoal e da cidadanía.
Así, nas próximas horas procederase á instalación de barreiras de sinalización coa distancia de seguridade en todas as dependencias de atención ao público que dependen da institución provincial. Estas barreiras suporán a distancia de seguridade dun metro entre os traballadores que están detrás dos mostradores co público, así como entre as persoas.
Con respecto a Príncipe Felipe, se está a deseñar un dispositivo de actuacións a seguir xa que, tras o peche dos centros escolares, os 192 nenas e nenos terán que ser atendidos nas 24 horas no centro, polo que se reforzará igualmente o persoal de seguridade xa que as entradas e saídas do centro de menores quedarán restrinxidas.
Ademais, decidíronse incrementar as estratexias de hixiene do persoal educador, do persoal sanitario e dos menores coa instalación de novos dispensadores de hidroxel e dos protocolos de atención para reorganizar o servizo. Tamén se cancelaron todas as actividades deportivas.