As exposicións que estaban vixentes no Museo de Pontevedra o pasado 12 de marzo, cando a Covid-19 obrigou ao seu peche, seguirán sendo protagonistas na reapertura.
Trátase das mostras'Leopoldo Nóvoa 1919-2019', e 'Debuxantas. Pioneiras da ilustración', que apenas estivo unhas horas aberta ao público.
Agora, tras semanas de trámites, acordouse cos propietarios e depositarios de todas as pezas a permanencia das dúas exposicións en Pontevedra ata o 30 de agosto.
A extensión no tempo das exposicións no Museo foi negociada coas persoas e entidades propietarias e depositarias.
No caso de ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019’ contouse coa colaboración de Sabela Nóvoa e Mercedes Bragante Nóvoa -filla e sobriña de Nóvoa-, José Blanco, Sofía Santos, Adolfo Sobrino, Víctor Montenegro, o Centro Galego de Arte Contemporánea, Colección BBVA, Colección ABANCA, Fundación Barrié, Fundación Luís Seoane e o Museo de Belas Artes da Coruña.
No caso de 'Debuxantas' inicialmente expuxéronse dificultades ao estar planificada noutra localidade que, ante a imposibilidade de celebración nas datas previstas pola prohibición de traslados interprovinciais, cancelou e permitiu a ampliación en Pontevedra.
Segundo explica o director da institución museística, Xosé Manuel Rey, están practicamente preparados para a reapertura, que se levará a cabo tan pronto se autorice por parte das autoridades ao chegar á fase 2 da desescalada, o 25 de maio se non existen complicacións.
A volta realizarase en todo caso cumprindo as garantías sanitarias, con control de aforo e de temperatura aos visitantes entre outras medidas.