O Museo de Pontevedra vén de poñer en marcha varias actividades complementarias sobre a exposición 'Galicia, de Nós a nós' que está a pechar na cidade o seu percorrido por Galiza da man da Cidade da Cultura: a proxección da curtametraxe documental '100 anos de Nós' e novas visitas guiadas a cargo das persoas comisarias da mostra e tamén de especialistas na materia.
A proxección da curtametraxe documental '100 anos de Nós' realizarase o xoves 17 de xuño ás oito da tarde no Edificio Castelao e contará cun coloquio-debate posterior con Patricia Arias e Iria Friné. As inscricións para asistir deben formalizarse en [email protected].
O audiovisual trátase dunha peza de Arraianos Producións dirixida e guionizada por Aser Álvarez, con Andrea Barrán como axudante de dirección e Jacobo Areal na dirección de fotografía, e supón 'Unha viaxe de Nós a Nós'. É un percorrido polos principais contidos da revista fundacional da Galicia contemporánea, onde se conversa con algúns dos mellores coñecedores deste proxecto editorial: Miguel Anxo Seixas, Carlos Bernárdez, Iria Friné Riveira, Xosé Luís Axeitos, Luís Risco e Carme San Julián.
Por outra parte, o Museo porá en marcha tamén a iniciativa 'Descubrindo 'Galicia. De Nós a Nós' da man de especialistas', unhas visitas guiadas que substituirán ás que se viñan facendo coas persoas do departamento de Educación da propia institución como guías.
As visitas terán diferentes temáticas. Así, o sábado 19 de xuño ás 12 do mediodía será a cargo do comisario Afonso Vázquez-Monxardín baixo o título 'Un percorrido polas claves de Nós' o sábado 26 de xuño ás 12 horas será a quenda da comisaria Ana Acuña, que falará de 'Pontevedra e a revista Nós' o sábado 3 de xullo ás 12 horas a visita relatorio á exposición será guiada pola doutora en filoloxía Olivia Rodríguez que falará das viaxes e a literatura; e o sábado 10 de xullo ás 12 horas repetirase o formato coa comisaria Ana Acuña falando da revista 'Nós'. As persoas que queiran participar deben formalizar a inscrición [email protected].
O Museo de Pontevedra acolle dende o pasado 20 de maio e ata o 11 de xullo 'Galiza, de Nós a nós', unha das mostras máis importantes deste ano. Trátase da que se dá en chamar a exposición coa recompilación máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a 'Xeración Nós', que recolle máis de 300 obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que amosan as conexións internacionais da revista, embaixadora da cultura galega con máis resonancia a nivel mundial na historia.
Nas tres salas do Museo nas que se distribúe a mostra traslada ás persoas visitantes desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata a actualidade, poñendo o foco na vixencia dos principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador de Galicia.