O Museo do Prado, o Thyssen, o Museo de Arte Contemporáneo de Castela e León (MUSAC) e as universidades de Santiago, Valladolid, Murcia, Huelva e País Vasco participaron durante este venres no 'I Seminario sobre Educación Patrimonial e Museos' organizado polo Museo de Pontevedra en colaboración co grupo Roda da Universidade de Santiago, co obxectivo de amosar casos de éxito que poidan ser inspiradores para que a institución pontevedresa mellore o seu proxecto de acción educativa.
Segundo explica o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, a institución está inmersa nun contexto de grandes cambios, sendo un deles o que se pretende levar adiante na acción educativa co fin de poñer a prioridade das actuacións nas persoas, na comunidade, na mellora da inclusión e da accesibilidade das coleccións.
"É o momento de escoitar e ver que se está a facer noutros sitios para despois poder trazar unha folla de ruta e materializar os instrumentos e recursos que necesitamos", indicou Rey, para poñer enriba da mesa a posibilidade de crear unha rede de cooperación estable cun comité científico ou asesor que poida achegar experiencia.
Neste sentido, destacou que se pretende aproveitar o coñecemento de institucións referentes e que, en breve, persoal do equipo educativo participará nunha residencia dun mes de duración no museo Thyssen co fin de coñecer o proxecto 'Educa Thyssen', unha iniciativa aberta recentemente coa estancia no Museo do Prado da responsable de conservación de pintura do museo pontevedrés.
O seminario que tivo lugar este venres, e que continuará o sábado, estaba previsto para o pasado mes de abril, mais a pandemia obrigou a adialo e a facelo nun formato máis reducido e unicamente telemático. Durante o transcurso das mesas redondas falouse de novos formatos achegados tanto dende o punto de vista académico e de investigación como de experiencias e casos prácticos.