O Museo de Pontevedra é xa oficialmente parte da rede europea de camiños de arte rupestre prehistórica

Pontevedra
28 de outubro 2019

A asemblea xeral da CARP ratificou en Italia a incorporación tras unha grande acollida e sorpresa pola dimensión da institución provincial

Asemblea da rede de "Camiños de arte rupestre prehistórica"
Asemblea da rede de "Camiños de arte rupestre prehistórica" / Deputación de Pontevedra

A asemblea xeral extraordinaria do Itinerario Cultural do Consello de Europa Camiños de arte rupestre prehistórica (CARP) acaba de ratificar a incorporación do Museo de Pontevedra como membro da rede na súa reunión do foro anual celebrada en Capo di Ponte (Brescia, Italia), ata onde se trasladou o pasado venres o director da institución provincial, Xosé Manuel Rey, para defender a candidatura.

O Itinerario Cultural do Consello de Europa é a maior rede internacional para a cooperación en torno á arte dos primeiros europeos que integra nestes momentos máis de 150 dos principais destinos de arte rupestre abertos ao público en España, Portugal, Italia, Francia, Irlanda, Acerbaixán e Xeorxia.

Segundo dixo Rey, a acollida foi "especialmente boa" por parte dos membros da asamblea, que se amosou "sorprendida" pola dimensión, envergadura e relación de bens da institución provincial. "Están encantados de que nos incorporemos", subliñou o director, agradecendo o acollemento do presidente da CARP, Leoncio Carrascal Ruiz, tamén presidente da Red Cántabra de Desarrollo Rural, e do resto de representantes.

Por outra banda, o director do Museo aproveitou a viaxe a Italia para manter reunións de traballo con outros organismos presentes no foro anual da CARP.