O Museo de Pontevedra achegará pequenas réplicas dos seus fondos a vilas do Camiño Portugués

Pontevedra
23 de marzo 2021

'O Museo en Camiño' é o nome desta iniciativa que se desenvolverá a través dun programa didáctico itinerante, que achegará o patrimonio do Museo Provincial de Pontevedra a dez localidades do Camiño Portugués durante os meses de abril, maio e xuño

A comisaria do Xacobeo Cecilia Pereira, o director do Museo Xosé Manuel Rey e África Martínez, de Taller Abierto, presentan 'O Museo en Camiño'
A comisaria do Xacobeo Cecilia Pereira, o director do Museo Xosé Manuel Rey e África Martínez, de Taller Abierto, presentan 'O Museo en Camiño' / Mónica Patxot

Unha caixa de madeira agocha no seu interior reproducións de pezas representativas da arte galega e que forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra. Este vai ser o orixinal contedor que viaxará por varias localidades do Camiño Portugués a Santiago para que os máis pequenos teñan o seu primeiro contacto coa arte.

'O Museo en Camiño' é o nome desta iniciativa que é concibida como "un programa didáctico itinerante, que pretende achegar o patrimonio do Museo Provincial de Pontevedra a unha escolma de pequenas poboacións do Camiño Portugués", explica África Martínez, unha das integrantes da empresa pontevedresa Taller Abierto, a encargada de desenvolver os obradoiros ao redor destas pezas artísticas en colaboración con Paspallás, tamén radicada en Pontevedra.

A caixa viaxará ás localidades de Barro, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, Padrón, Redondela, Cesantes, Arcade, Tui e Ribadelouro. Os destinatarios das actividades ao redor deste "museo portátil" son nenos de entre 6 e 12 anos, que precisamente pola súa idade, nunca viviran un Ano Santo.

"Dende o ano 2010 non había un Xacobeo e existía toda unha xeración de nenos e nenas que non coñecían o que o Ano Santo significaba e son moitos os galegos que, a pesar de que temos 139 concellos atravesados polas rutas xacobeas non coñecen todo o valor patrimonial, tanto material como inmaterial, que o Camiño ten", apunta Cecilia Pereira, a comisaria do Xacobeo, institución que cofinancia esta iniciativa, para poñer en valor a importancia deste proxecto didáctico e de divulgación.

Pola súa banda, o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, lembraba que "para cumprir a súa función social, os museos estamos obrigados a reinventarnos permanentemente, a deseñar iniciativas que lles permitan achegarse a novos públicos", e con esta filosofía de traballo "saímos ao camiño" sacando ao exterior o legado de grandes artistas que teñen obra na institución provincial.

A caixa componse de varios caixóns, que conteñen pequenas réplicas do Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o Busto bifronte de Xano, o Miliario romano de Salcedo, o Retablo de San Acacio, un Santiago Peregrino do século XVII, a obra ‘Santa María desde A Caeira’ de Sobrino Buhigas, unha autocaricatura de Castelao, ‘O Mercado’ de Carlos Maside, ‘A terra’ de Manuel Torres, ‘Santa Tegra’ de Lugrís e ‘Mulleres parolando’ de Luís Seoane.

Todas estas obras son representativas "deste gran contedor cultural que é o Museo de Pontevedra e son a base a partir da que se van desenvolver unha serie de unidades didácticas para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio", indicaba África Martínez.

Unha vez que remate a viaxe polas dez localidades do Camiño Portugués durante os meses de abril, maio e xuño, o Museo albergará en setembro unha mostra na que fará balance desta experiencia e na que se permitirá que o público pontevedrés poida achegarse tamén a estas pezas dun xeito diferente.