O Museo conmemora as Letras Galegas con obradoiros escolares e unha visita guiada

Pontevedra
03 de maio 2023

Este sábado ás 12 horas unha visita guiada permitirá coñecer a relación de Francisco Fernández del Riego cos artistas presentes no Museo

Caricatura de Francisco Fernández del Riego
Caricatura de Francisco Fernández del Riego / Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros para alumnado de centros escolares e unha visita guiada aberta ao público, nos que se lembrará a Francisco Fernández del Riego, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. 

As actividades polas Letras Galegas no Museo –que se suman ás que presentará o vindeiro venres o departamento de Lingua da Deputación- adiántanse a esta semana. 

Polo Correo do Vento coordina dúas propostas nas que buscan dar a coñecer a todos os públicos a figura de Paco del Riego, intelectual galeguista cunha intensa relación coa arte galega e os artistas do país do pasado século. 

Este mércores día 3 e o venres 5 de maio pola mañá celebraranse obradoiros no Edificio Castelao dirixidos a alumnado de varios centros escolares.

O sábado 6 de maio ás 12 horas realizarase unha visita guiada ás salas da exposición permanente no Edificio Castelao, centrada na arte galega do século XX e en especial nos artistas cos que Del Riego tivo moita relación ao longo da súa vida: Castelao, Laxeiro, Julia Minguillón, Urbano Lugrís... A visita guiada está dirixida a público adulto. A inscrición á vista pode facerse escribindo a [email protected].