O Museo de Pontevedra ten previsto conmemorar o 130 aniversario da chegada do tren á cidade de Pontevedra cunha mostra de trens de xoguete e accesorios relacionados co mundo ferroviario dende finais do século XIX ata a década dos 80.
Esta mostra inaugurarase o 11 de abril no segundo piso do Edificio Sarmiento e permanecerá aberta ao público ata o 18 de maio e contén pezas mestras do xoguete ferroviario español, procedentes da colección Quiroga-Monte. A exposición permitirá descubrir os materiais empregados nas manufacturas, dende a folla de lata ata o plástico. Ademais dos modelos de tren, poderán observarse outros accesorios como gardaagullas, indicadores de dirección, despachos de billetes e estacións.
O Museo acollerá tamén paneis ilustrados con fotografías e artigos da prensa de 1884 que recollen a chegada do primeiro tren a Pontevedra que se produciu o 16 de maio dese ano a través dunha viaxe de proba entre Redondela e a cidade do Lérez. O 30 de xuño sería a inauguración oficial.
Esta mostra presentouse na Praza de Colón en Madrid e recibiu máis de 100.000 visitas en 10 días.