O Museo de Pontevedra impulsa unha nova ferramenta para o debate e o intercambio de coñecementos sobre arqueoloxía. Os días 18 e 19 de maio celebrarase no Edificio Castelao o Encontro de Arqueoloxía, unha cita que pretende reunir cada ano as últimas investigacións neste campo chegadas dos ámbitos profesional e académico. A primeira edición centrarase nas ‘Arquitecturas efémeras da prehistoria recente no Noroeste ibérico’.
Durante o período que se estende entre inicios do V milenio e o I milenio antes da nosa era, as materias primas máis empregadas para levantar construcións no Noroeste da península ibérica foron madeira, cordas, pólas e terra. Na maior parte dos casos degradáronse e non se conservan, polo que só chegaron ata nós nos casos nos que o lume entrou en contacto con elas. As foxas, buratos de poste ou gabias de cimentación son as principais evidencias arqueolóxicas que conservamos para achegarnos ás comunidades desa época.
No Museo de Pontevedra analizaranse estas arquitecturas efémeras de lugares de habitación e lugares de almacenaxe relacionados coas tarefas agrícolas e outras actividades produtivas. Polo seu carácter efémero son pouco visibles na paisaxe e, unha vez escavadas, moi difíciles de conservar. Por iso son descoñecidas en gran medida polo público xeral e incluso para parte dos profesionais da arqueoloxía.
As persoas participantes porán en común as últimas pescudas sobre estas arquitecturas, expoñendo os casos particulares dalgúns dos xacementos máis destacados da prehistoria recente en Galicia, como Setepías (Cambados). Tamén se presentarán os resultados das investigacións sobre xacementos portugueses como os de Areias Altas (Porto) e A Cimalha (Felgueiras).
O encontro está dirixido por María Martín Seijo, profesora do Departamento de Ciencias Históricas da Universidad de Cantabria, e José Manuel Rey García, director do Museo de Pontevedra. “Esta é unha oportunidade para por ao día os resultados de intervencións arqueolóxicas que modifican o noso coñecemento sobre as estruturas habitacionais deste momento, porque moitas destas investigacións permanecen aínda inéditas”, sinala José Manuel Rey.
Nestas xornadas estarán presentes arqueólogos profesionais xunto con investigadores de diferentes centros e universidades de España, Portugal e internacionais: Universidade do Porto, Oxford University, Universidade de Santiago de Compostela, Universidad de Oviedo, Universidade do Minho ou CSIC.
Outras conferencias abordarán este tema desde un punto de vista transversal: M. Pilar Prieto Martínez presentará o estado da cuestión das escavacións de arquitecturas efémeras; José Ignacio Vilaseco Vázquez, Manuel Rodríguez Calviño falarán da relación entre arquitecturas efémeras e obras públicas en Galicia; María Martín Seijo achegarase ás arquitecturas efémeras desde a arqueobotánica e Andrés Teira Brión presentará unha lectura crítica para unha narrativa renovada do espazo doméstico da prehistoria recente.
O director do Museo de Pontevedra sinala que “o obxectivo deste encontro é que se consolide e se converta nunha cita de referencia no ámbito da arqueoloxía no Noroeste peninsular”. Estas xornadas terán carácter anual e uniranse a outros dous eventos de carácter científico que xa organiza cada ano o Museo: as Xornadas de Educación Patrimonial e o Encontro de Conservación e Restauración.
O encontro desenvolverase durante as mañás e as tardes do 18 e o 19 de maio, cunha duración total de 17 horas. A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 16 de maio. A Universidade de Santiago de Compostela recoñece 10 horas de formación de doutoramento.