O Museo acolle o humor gráfico de Sileno, o mellor retratista da primeira Guerra Mundial

Pontevedra
19 de decembro 2018

A mostra inaugurábase este martes e permanecerá aberta ata o 27 de xaneiro. O Museo de Pontevedra e o Museo ABC suman unha escolma de obras deste autor que colaboraba coa prensa das primeiras décadas do século XX ofrecendo sátira política

Presentación da exposición de Sileno no Sexto edificio do Museo
Presentación da exposición de Sileno no Sexto edificio do Museo / Mónica Patxot

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle desde este martes ata o 27 de xaneiro a exposición sobre a figura de Sileno, alcume do humorista gráfico aragonés Pedro Antonio Villahermosa. Este artista, que estudara dereito, caracterizouse polos seus debuxos cheos de ironía.

Trátase de ilustracións que se publicaban na prensa de principios do século XX, algunhas delas con absoluta vixencia na actualidade como a que mostra a un político levándose sacos de diñeiro ao estranxeiro. A principal característica deste debuxante céntrase en retratar cunha perspectiva propia a I Guerra Mundial, ademais de realizar interesantes análises políticas.

Este traballo recolle proxectos do autor que se atopaban tanto no Museo de Pontevedra como no Museo ABC, as dúas coleccións máis importantes que se conservan de Sileno, tal e como afirmaba a directora do Museo ABC, Inmaculada Cortiza, na presentación desta exposición á que asistiu tamén o deputado de Cultura, Xosé Leal e os comisarios Ángeles Tilve e Víctor Silva.

Os fondos que se atopan no museo provincial débense a que Santiago Losada Amor, primo do violinista Manuel Quiroga, contraeu matrimonio coa filla maior de Sileno tres anos despois de que o autor falecese e, segundo explicaba Ángeles Tilve, rapidamente foi consciente do interese das pezas que gardara e que agora nos permiten recuperar aspectos inéditos da súa biografía. Entre os documentos atópanse fotografías, tarxetas postais e material persoal e familiar.

Xosé Leal destacou a importancia desta mostra para comparar cos traballos que realizaba Castelao e ver como o humor gráfico converteuse nun elemento fundamental para recoller a situación histórica de principios do século XX.