Elisa é unha muller "alegre, de mirada intensa e cabelos castaños", unha muller "fermosa, pero non o sabe". Elisa móvese nunha cadeira de rodas, ten parálise cerebral e é a protagonista de Elisa no mundo das marabillas, un album que se presentou este venres no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e que tamén deu lugar a unha exposición que se pode visitar na biblioteca municipal ata o sábado 1 de abril.
Ademais de que a súa protagonista é unha persoa con parálise celebral que decide percorrer o mundo na súa casa rodante para descubrir novas aventuras e axudar á xente que, como ela, se sente diferente, o álbum está ilustrado por persoas con parálise cerebral.
Elisa no mundo das marabillas é o resultado do taller artístico do centro residencial da APAMP. Os usuarios do centro quixeron crear un personaxe co que se identificasen e que transmitise todo aquilo que sentían e como se vían ante a sociedade. Un personaxe con vitalidade e forza, capaz de conseguir todo aquilo que se propuxese e cuxo obxectivo diario fora a superación persoal. E naceu Elisa.
O conto foi elaborado integramente por 30 persoas con parálise cerebral, que en todo momento foron coordinados pola monitora do taller artístico do centro residencial, Fedra Alcaraz. Eles mesmos -moitos axudados de pictogramas- foron definindo os personaxes que lle darían forma ao conto, así coma as diferentes aventuras que ía vivir a súa protagonista. Posteriormente, encargáronse de darlle vida de múltiples maneiras: uns collían a brocha coas mans, outros cos pés e outros empregando mesmo esponxas empapadas en pintura.
Editado por Galaxia coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a súa presentación acudiron a xerente da Asociación de Familias de Personas con Parálisis Cerebral (APAMP), Concepción Somoza; a monitora do taller, Fedra Alcaraz; Sara Rivas, usuaria da asociación e membro do equipo creador do conto; e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
A programación do Salón do Libro continúa esta fin de semana cunha programación que se pode consultar aquí.