O Salón García de Vilagarcía de Arousa acollerá este venres, 19 de abril, o monólogo 'Sobre o mal que fai o tabaco'.
Trátase dun monólogo adaptado e dirixido por Santiago Cortegoso, de Ibuprofeno Teatro, sobre a peza do dramaturgo ruso Antón Chéjov 'Sobre o mal que fai o tabaco'.
A Unidade de Produción da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada é a encargada desta actuación, prevista a partir das 20.00 horas.
A entrada é libre e debalde ata completar aforo.
O protagonista está interpretado polo actor Gonzalo Valcárcel e a representación contará coa ambientación musical en directo de tres membros do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso da Estrada. Son Juan Núñez (clarinete), Pablo Bernárdez (guitarra e percusión) e Manuel Castedo (contrabaixo).
"Sobre o mal que fai o tabaco" pon en escena a un home que comeza a dar a dar unha conferencia sobre o dano que causa o tabaco e que remata nunha confesión da súa triste vida conxugal e familiar. Unha historia realista que se desenvolve entre o absurdo e a traxedia de quen ve frustrada a súa esperanza de felicidade.