Entre a programación cultural do mes de abril no Concello de Meaño atópase o XXXI Festival de Bandas, un evento enmarcado dentro do Mes da Música que se celebrará o sábado 29 na Praza do Concello.
A actividade está organizada pola Asociación Cultural Unión Musical de Meaño, e estará presentada por Rocío Rodríguez e alumnos da Escola Municipal de Música de Meaño (EMMM).
O evento comezará ás 17:30 horas e contará coas actuacións da Banda Artística de Merza, a Banda Cultural de Salceda de Caselas e a Banda Unión Musical de Meaño.
Ademais, o mes de abril conta con outras propostas relacionadas coa música como o concerto Pitusa Semifusa o domingo 16, ás 19:00 horas, na Praza do Concello.
O sábado 22 tamén haberá unha actividade no Palco da Música de Meaño. Nesta ocasión, Félix Rodríguez impartirá un obradoiro chamado Teatro para Músicos.