O XXI Memorial Ricardo Portela foi na noite deste sábado o grande protagonista da primeira fin de semana de Festas de Verán en Pontevedra. A cita demostrou que os pontevedreses tiñan xa ganas de actividades culturais e festivas despois de meses de confinamento e encheron os ocos dispoñibles para asistir á clausura desta cita musical, que se realizou entre intensas medidas de seguridade.
Neste particular Memorial Ricardo Portela, que mantivo a súa esencia, pero cambiou o formato, rendeuse homenaxe ao papel importante da muller galega na conservación da música tradicional, parte fundamental do Patrimonio inmaterial galego, na figura de Felicia Insuela.
A celebración empezou xa pola mañá, con pasarrúas a cargo de Cántigas e Frores, Carme López e Sandra Pérez, Contracocheno, Picuíña e Os Xirifeiros, que regresron por la tarde.
Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a praza da Ferrería foi o epicentro da celebración, coa homenaxe a Felicia Insuela e o concerto dos Meliados. Debido á situación de alerta sanitaria pola pandemia do coronavirus, o público estivo sentado e o espazo tivo aforamento limitado.
No paseo de Antonio Odriozola estaba instalada desde o venres a Mostra de Artesáns, de maneira que o ambiente xa estivo moi animado toda a xornada. Xa polo noite, a entrada ao recinto abriu unha hora antes para que o público puidera ir accedendo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas.
Para acceder había unha única entrada e obriga de pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e por unha alfombra seca, ademais de limpar as mans con hidroxel.
O Memorial, un dos programas clásicos da oferta festiva e de lecer de verán de Pontevedra, rende cada ano unha homenaxe a unha persoa vinculada ao mundo da música tradicional. Nesta ocasión foi Felicia Insuela, unha das derradeiras cantareiras de tradición oral.
Felicia axudou a fundar a Asociación Cultural de Paredes e gozou transmitindo o seu saber, sempre disposta a ensinar e a aprender. Colaborou en diferentes programas da televisión galega, actuou con diferentes grupos e cos oitenta anos ben pasados non deixou de acudir os sábados ás xuntanzas musicais celebradas por toda Galicia.
O carácter humorístico e a retranca formaban parte das súas interpretacións, nas que xogaban un papel moi importante os movementos escénicos. Despois dun ano de ausencia, esta lembranza únese ás homenaxes que recibiu en vida.