A música de gaitas volvía soar este xoves no entroncamento entre a Praza de Ourense e A Ferrería chamando a atención de viandantes e turistas.
Os Gaiteiros das Rías Baixas interpretaban dúas pezas con "toque pechado" como anticipo do 25 aniversario do Memorial Ricardo Portela, que se celebrará durante tres días entre o venres 12 e o domingo 14 de xullo.
Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura e Alberto Pires, representante de Gaiteiras Galegas, presentaban a programación deste evento de música tradicional en memoria dun gaiteiro pioneiro, que "dignificou a figura das gaiteiras e dos gaiteiros, e da gaita como instrumento, da nosa música, da nosa cultura, da dignidade que tiñamos que ter como gaiteiros", explicaba Pires lembrando ao músico de Viascón.
Portela foi o fundador da Asociación de Gaiteiros Galegos e o intérprete máis característico do "toque pechado", a técnica que se utiliza presionando todos os buracos da gaita, permitindo que as notas soen sen interrupción, unha fórmula especialmente utilizada para tocar pezas de ritmos rápidos.
O Memorial comezará o venres coa tradicional Mostra de Artesanía, con doce postos nos que figuran todo tipo de instrumentos tradicionais na Praza da Ferrería.
Poderase visitar nesa primeira xornada, de 17.30 a 21.30 horas, mentres que o sábado e domingo permanecerá aberta desde as 11.30 ata as 14.00 e a partir das 17.30 horas.
Haberá un concerto de escenario en cada un dos tres días, ademais de pasacalles polo centro histórico. O venres actuarán Airiños da Freba ás 21.00 horas; o sábado será a quenda de Caldo, ás 21.15 horas; mentres que o domingo 14, Cantometrics ofrecerá o seu recital ás 21.00 horas
Todos estes concertos serán no escenario situado na Praza da Ferrería.
Nesta edición desenvolverase, durante o sábado ás 21.00 horas, unha homenaxe a Gabriel Mujico "Gabi", músico gaiteiro de Compostela, fundador de grupos históricos como Pallamallada e Durindaina, que falecía en setembro de 2023.
"Destacou polo seu labor como gaiteiro e, sobre todo, como mestre e como creador de grandes gaiteiros", explicaba Alberto Pires.