O Luis Piedrahita máis solidario prestará o seu humor para a gala benéfica de AFAPO

Pontevedra
17 de setembro 2023

O humorista Luís Piedrahita será o artista invitado para amenizar a décima edición da gala benéfica promovida pola Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outra demencias de Pontevedra (AFAPO) con motivo do Día Mundial do Alzhéimer

Luis Piedrahita no seu espectáculo "Es mi palabra contra la mía"
Luis Piedrahita no seu espectáculo "Es mi palabra contra la mía"

O humorista Luís Piedrahita será o artista invitado para amenizar a décima edición da gala benéfica promovida pola Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outra demencias de Pontevedra (AFAPO) con motivo do Día Mundial do Alzhéimer.

Será o vindeiro venres 22 de setembro, ás 21:00 horas, no auditorio de Afundación. Alí presentará o seu último espectáculo, Es mi palabra contra la mía.

As entradas están xa á venda en Ataquilla.com e a recadación irá integramente destinada a beneficio da asociación.

Es mi palabra contra la mía é un show de humor, enxeño e tenrura co que o artista quere demostrar, unha vez máis, que "só o humor fai a vida máis soportable".

No seu novo monólogo, Luís Piedrahita analiza por que ninguén está contento co que lle tocou, sacando a relucir os aspectos máis absurdos da rutina do día a día.

"Son temas de fondo calado existencial como o medo ao váter alleo ou o amor verdadeiro. Profundas reflexións de voo galiñáceo e improvisacións meticulosamente ensaiadas", explica o propio cómico coruñés.

Luís Piedrahita é humorista, ilusionista, escritor e director de cinema. Coñecido principalmente pola súa presenza en televisión e radio, é colaborador e guionista de El Hormiguero  e saltou á popularidade tras a súa participación en El club de la comedia

Desenvolveu, en coprodución co Teatro Real de Madrid, dous espectáculos musicais para nenos e dous contos sinfónicos escritos,. Como cineasta escribiu e dirixiu, xunto a Rodrigo Sopeña, La habitación de Fermat e é autor de sete best sellers de humor e un libro infantil.