O Local de Música inicia un novo ciclo cunha aposta pola música electrónica e a dixitalización

Pontevedra
23 de maio 2022

O concelleiro Alberto Oubiña, acompañado polos responsables do local, presentou este luns a programación para as próximas datas que pasa por sesións formativas de música electrónica, un festival centrado neste tipo de música e a visita de estudantes dos institutos da cidade

Alberto Oubiña, acompañado dos responsables do Local de Música, presenta a nova programación
Alberto Oubiña, acompañado dos responsables do Local de Música, presenta a nova programación

O Local de Música de Pontevedra inicia un novo ciclo. A programación deste espazo para as próximas datas inclúen visitas de estudantes dos institutos da cidade, sesións formativas e o festival Ocupado. Así o avanzou o concelleiro responsable do Local de Música, Alberto Oubiña acompañado polos responsables deste local.

O achegamento do Local de Música co estudantado pontevedrés comezou tras a pandemia cunha sesión piloto no IES Valle Inclán consistente en clases de formación de diversas materias nas salas deste centro de ensaio. Ademais, o plan fíxose extendible ao resto de institutos da cidade, que xa coñecen os equipamentos destas salas e cuxo obxectivo é captar novos usuarios e máis novos. 

De feito, os usos xa se están diversificando e entre as paredes do Local de Música xa se producen podcasts ou se gravan tik toks.

Isto forma parte da estratexia de dixitalización iniciada antes da pandemia, pero que se potenciou co confinamento. Ademais, desde o Local de Música colaboran con numerosas iniciativas musicais de entidades como a Deputación ou o Conservatorio.

Outra das novidades deste novo ciclo é a programación de cápsulas formativas. Os usuarios demandaban formacións sobre música electrónica, que terán lugar os días 28 de maio e 4 de xuño. Unha enfocada á produción deste tipo de música co programa Ableton e, a segunda, dirixida a picadiscos coa ferramenta Selecta.

A terceira das iniciativas previstas para este inicio de tempada estival é a celebración do Ocupado Fest. Un festival que se celebrará nos aseos do Local de Música, no que se instalarán dous escenarios bautizados como Ocupado Club e Ocupado Stage no que as bandas poderán poñer a proba os seus directos. 

Para pechar a comparecencia, Oubiña mostrouse moi satisfeito co funcionamento deste local que rolda os 200 usuarios e no que a presenza feminina multiplicouse por cinco de forma recente ata alcanzar o medio centenar de usuarias. "O local de Música está a tope de novo, de gañas e ilusión", concluíu o concelleiro, acompañado de Diego Parajó, Marcos Rodríguez e Pablo Trovo