O legado de José Luis Souto Alonso amplía o arquivo bibliográfico do Museo de Pontevedra

Pontevedra
08 de abril 2017

Os preto de 18.000 títulos que compoñían o arquivo e a biblioteca de José Luis Souto Alonso incorpóranse aos fondos do Museo de Pontevedra. Todas estas monografías e material documental forman parte do legado que recibiu a institución cultural

José Luis Souto Alonso, nunha imaxe de 2009
José Luis Souto Alonso, nunha imaxe de 2009 / Museo de Pontevedra

Os preto de 18.000 títulos que compoñían o arquivo e a biblioteca de José Luis Souto Alonso incorpóranse aos fondos do Museo de Pontevedra. Todas estas monografías e material documental forman parte do legado que recibiu a institución cultural.

Deste legado destacan especialmente, sinalan desde o museo, os estudos sobre arte sudamericana, nomeadamente sobre o barroco mexicano, a colección completa do diario Madrid, e os orixinais de investigación e informes relativos á faceta de José Luis Souto de defensa do patrimonio ao fronte de ADELPHA, así como das empresas das que foi promotor. 

"Este legado contribúe a enriquecer o xa amplo arquivo do museo, e incrementa a súa posición de referencia para estudosos e investigadores, non só nas disciplinas artísticas senón incluso noutros campos complementarios", sinalou o deputado de Cultura, Xosé Leal.

O director do Museo, Carlos Valle, salientou que esta doazón, e singularmente a biblioteca, polas características tan específicas dos materiais que a conforman, "sirve de complemento a outra tan importante como a procedente do legado testamentario de Sánchez Cantón".

Valle incidiu no feito de que “supón, mesmo desde un punto de vista cronolóxico, a súa continuación”, pois foi iniciada a principios da década dos setenta do pasado século e Sánchez Cantón faleceu xustamente en 1971.

José Luis Souto Alonso, nado en Pontevedra en 1942, licenciouse en Dereito na Universidad Complutense de Madrid e completou a súa formación académica en Filosofía e Historia da Arte na Universidad Libre de Bruxelas. Exerceu, entre 1966 e 1968, funcións docentes na Cátedra de Historia da Filosofía da Universidad Complutense.

Desde 1966 formou parte do consello de administración do Diario Madrid, a fronte do cal estaba Rafael Calvo Serere que, cun grupo de xornalistas entre os que estaban Miguel Ángel Aguilar ou José Oneto, foi un medio aperturista fronte á ditadura, chegando a ser considerado como un dos xornais máis destacados da prensa independente, pechado polo réxime en 1971.

Ademais, desenvolveu unha intensa actividade na defensa do patrimonio natural e artístico participando na fundación da Asociación para la defensa Ecológica y del Patrimonio Histórico-Artístico en 1973, ADELPHA, e na creación en 1982 do Centro de Estudios sobre el Patrimonio Histórico-Artístico Ambrosio de Morales, do que foi secretario xeral ata a súa morte en 2016.

Coa recepción deste legado, o Museo de Pontevedra, posuidor xa dunha biblioteca e duns arquivos de referencia, reforza a súa significación como un centro imprescindible para a investigación en xeral, e para a de disciplinas referidas ao patrimonio histórico artístico galego en concreto.