O jazz cambia o Teucro pola Ferrería con Shemekia Copeland, Paco Charlín, Eugene 'Hideway' Bridges e Vijay Iyer Trío

Pontevedra
19 de xullo 2013

Chega a fin de semana e con ela o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra entra nunha nova dimensión. Cambia o seu escenario, tralos seus primeiros días deixa a Praza do Teucro e trasládase a Praza da Ferrería. Unha contorna moito máis ampla para recibir a grandes estrelas internacionais. Como Shemekia Copeland, considerada como unha das mellores cantantes de blues do mundo. Actuará a partir das 22.30 horas deste venres

Chega a fin de semana e con ela o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra entra nunha nova dimensión. Cambia o seu escenario, tralos seus primeiros días deixa a Praza do Teucro e trasládase a Praza da Ferrería. Unha contorna moito máis ampla para recibir a grandes estrelas internacionais. Como Shemekia Copeland, considerada como unha das mellores cantantes de blues do mundo. Actuará a partir das 22.30 horas deste venres.

Herdeira da rica tradición musical asentada polas grandes divas do soul e o blues como Ruth Brown e Etta James, Shemekia Copeland é a filla do lexendario guitarrista Johnny Clyde Copeland. Aos seus trinta anos compartiu escenario cos Rolling Stones, B.B King ou Eric Clapton e encabezou o cartel do Chicago Blues Festival, probablemente o festival de blues máis importante do mundo.

A súa paixón polo canto, marcada pola súa tremenda voz, aporta á súa música un poder intemporal, definida como un latexo que xorde desde o profundo da súa alma, e desde os sons das rúas nas que creceu, os dos músicos de rúa, os cantantes de góspel, as radios musicais ou as bandas locais tocando nos parques. Presentará en Pontevedra o seu último disco, 33 1/3, editado hai uns meses e que foi candidato aos premios Grammy.

O sábado será a quenda de Paco Charlín, un dos máis brillantes músicos de jazz galegos. O contrabaixista de Vilanova de Arousa liderará unha banda gallegoportuguesa e norteamericana. Gravou cos principais artistas do mundo, unha carreira musical que compaxina coa docencia no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Quen o coñece destaca que é un dos máis firmes valores da nova xeración do jazz galego.

A súa banda está formada por o guitarrista Virxilio da Silva, quizais unha das figuras máis relevantes do jazz galego nestes intres; o vibrafonista portugués Jeffery Davis, chamado a ser un dos referentes mundiais neste instrumento no futuro; o trompetista Darren Barrett e o saxofonista Myron Walden, dous dos referentes da súa xeración nos Estados Unidos e o batería Mark Whitfield Jr., unha das figuras saídas da Berklee College of Music (Boston).

A segunda das noites dedicadas ao blues na Ferrería estará protagonizada por Eugene 'Hideway' Bridges, un auténtico nómada da música. Ten unha das voces máis frescas e únicas do blues actual que recorda a un dos seus ídolos, Sam Cooke. Unido á maxia que crea coa súa guitarra, o resultado é un estilo propio con grandes doses de versatilidade que lle permite probar co blues, o soul, o góspel ou o funk.

E o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra reserva para o seu último día, o luns 22 de xullo, un dos seus maiores atractivos. Trátase de Vijay Iyer Trío, que actuará por primeira vez en Galicia. Está considerado como o músico de jazz máis emerxente do momento, unha proxección que referenda os numerosos premios recibidos nos últimos anos.

Este compositor e pianista foi descrito como un dos músicos máis interesantes e vitais do jazz actual, esaxeradamente capaz e brillantemente eclético. Nun xénero, o jazz, cada vez máis globalizado, quizais o deste instrumentista e compositor sexa o mellor exemplo de cara onde se dirixe este estilo. Tras 16 discos editados, chega a Pontevedra para presentar o seu último traballo, Accelerando.

Todo un luxo de festival que volve converter a Pontevedra durante estes días nun dos destinos imprescindibles para os amantes do jazz e do blues.

Arquivado en