O Edificio Castelao acollerá este xoves ás 19:00 horas, da man do Museo de Pontevedra, a conferencia de Francisco Prado-Vilar 'O tesouro dos arquivos: investigación, descubrimentos e o futuro do patrimonio de Galicia'.
O investigador distinguido da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Culturais Atlánticas) percorrerá algúns dos descubrimentos recentes realizados froito da investigación en arquivos documentais e fotográficos como os que se atopan no Museo de Pontevedra.
Prado-Vilar exporá como ese traballo de pescuda en fondos arquivísticos contribuíu a revelar episodios descoñecidos da historia do patrimonio galego, como as miniaturas perdidas do Códice Calixtino e as estatuas dos profetas do mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada do Pórtico da Gloria. Un exemplo notable de investigación é o recente descubrimento por parte de Prado-Vilar de documentación que demostra que as dúas esculturas do tímpano do mosteiro de Carboeiro (Silleda) que actualmente se atopan no Museo Marés de Barcelona, foron roubadas en 1957.
Tamén abordará temas como a reconstrución completa da fachada mateana da catedral de Santiago coa reintegración de todas as súas esculturas dispersas aos seus lugares e significados orixinais, incluídas as figuras dos profetas Enoc e Elías que hoxe forman parte da colección do Museo de Pontevedra.