O II Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero, para Carme P.G. Granxeiro

Pontevedra
04 de xaneiro 2022

O xurado reuniuse o pasado 29 de decembro no Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e analizou un total de 27 traballos recibidos neste certame. Acordou por maioría concederlle o premio pola obra Estranxeiras, a estrea de Carme P.G. Granxeiro como escritora. Sairá publicada en Xerais ao longo deste ano

A autora Carme P.G. Granxeiro
A autora Carme P.G. Granxeiro / Concello de Pontevedra

A autora Carme P.G. Granxeiro proclamouse gañadora da II edición do 'Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero' convocado polo Concello de Pontevedra. 

O xurado reuniuse o pasado 29 de decembro no Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e analizou un total de 27 traballos recibidos neste certame, que organiza a Concellería de Igualdade en colaboración con Edicións Xerais de Galicia.

Finalmente, os membros do xurado acordaron por maioría concederlle o premio pola obra Estranxeiras, a estrea de Carme P.G. Granxeiro como escritora. Sairá publicada en Xerais ao longo deste ano.

O xurado destacou na obra gañadora o feito de ser "unha representación LGBTIQA realizada con sensibilidade, na que se reclama o rural como un espazo de liberdade e reivindicación".

A concelleira Yoya Blanco sinalou que o xurado tamén valorou "a dignificación das relacións interxeracionais presentes na novela" e "o emprego de novas formas de linguaxe, como a utilización do pronome neutro".

A construción coral de personaxes, cunha interesante galería de personaxes secundarios tratados con sensibilidade e delicadeza, foi outro dos motivos que decantou a decisión. Para o xurado, Estranxeiras é unha obra de lectura áxil, apta para un público amplo, con referentes á cultura LGBTIQA+ en libros, filmes e música. 

Carmen P.G. Granxeiro conta cunha dilatada produción audiovisual propia. Participou en diversas actividades de Pinto e Maragota, tanto no II Congreso Pinto e Maragota pola Diversidade, como en videofórums nos centros de Ensino Secundario de Pontevedra, cos seus filmes Persoas S.A. e 1948-2016, un final para empezar.

Ademais da obra gañadora, o xurado quixo destacar a calidade de dúas pezas presentadas ao certame: a da obra de narrativa xuvenil A nave e a do poemario Feitas ao sisel.

O galardón conta cunha dotación económica de 3.000 euros e está destinado a "visibilizar e dignificar a diversidade de sexo e de xénero".