O IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra vencía no concurso-exposición Letras Galegas 2018, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, na modalidade de educación secundaria e ensinanzas especiais. O galardón obteñíano grazas ao traballo 'Sombra e luz'.
Este concurso comezaba meses atrás, organizado pola Consellería de Cultura e Educación, co obxectivo de difundir a figura da autora homenaxeada este ano o Día das Letras Galegas, a escritora María Victoria Moreno Márquez.
O centro gañador, onde ademais a escritora deu clases nos seus últimos anos de actividade profesional no ensino, recibirá un premio en metálico por importe de 2.000 euros e o profesorado implicado no traballo obterá unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación, que ascenderá a 30 horas no caso da persoa encargada de coordinar o proxecto.
A colección de 10 carteis que integran a mostra elaborada no IES Torrente Ballester coas súas guías didácticas serán impresas e distribuídas en ao redor de 2.000 puntos de Galicia e do exterior. Desta forma, vaise trasladar a imaxe e obra de María Victoria Moreno en relación coa época que lle tocou vivir a diferentes colectivos como emigrantes, estudantes galegos no extranxeiro e á sociedade galega, en xeral.
O proxecto didáctico estará nas vindeiras semanas a disposición de todo o público no Portal da Lingua Galega.
O IES Gonzalo Torrente Ballester presentara a este certame carteis de gran dinamismo nos que a imaxe da escritora repetíase dentro dunha estética pop-art. O xurado considera que se trata dun conxunto moderno e de elevada calidade técnica, estética e artística, cunha combinación cromática que contribúe a difundir e promover a imaxe da autora, ademais de dinamizar a lingua galega.