O IES de Poio leva a escena a figura de oito mulleres históricas

Poio
04 de marzo 2021

O alumnado de Literatura Universal rendeu homenaxe e puxo en valor o esforzo, o labor e a traxectoria de poetas, dramaturgas, filósofas ou escritoras que, en diferentes épocas da historia, acabaron por converterse en figuras chave nos seus eidos, a pesar das dificultades que tiveron que atravesar polo mero feito de non ser homes

Representación teatral no IES de Poio
Representación teatral no IES de Poio / Concello de Poio

O IES de Poio acolleu este xoves unha proposta escénica, ‘8 de marzo, 8 mulleres’, a través da cal o alumnado de Literatura Universal rendeu homenaxe e puxo en valor o esforzo, o labor e a traxectoria de poetas, dramaturgas, filósofas ou escritoras que, en diferentes épocas da historia, acabaron por converterse en figuras chave nos seus eidos, a pesar das dificultades que tiveron que atravesar polo mero feito de non ser homes.

Uxía Iglesias, Raquel Castiñeira, Eva Torres, Elías Casás, Ainhoa Bernárdez, Uxía Pérez, Alberto Casás, Carla Iglesias, Lúa Otero, María González e Sergio Torres ofreceron ao grupo de estudantes que presenciou a actuación o seu particular viaxe polo tempo.

Lembraron a traxectoria de referentes como a poeta grega Safo de Lesbos (século VI a. C.), a polifacética Hildegarda Von Bingen (século XII) ou María de Zayas (século XVIII), sen esquecer a mulleres que tamén brillaron nunha época máis contemporánea, como a filósofa dos Estados Unidos Angela Davis.

Tampouco faltou unha homenaxe á escritora lucense Xela Arias, a quen neste ano se lle adicará o Día das Letras Galegas.

Helen Keller e Alfonsina Storni tamén protagonizaron as pequenas historias que o alumnado recreaban sobre o escenario.

As concelleiras de Igualdade e Educación, Silvia Díaz e Raquel Rodríguez, estiveron presentes durante esta representación. As edís do goberno municipal louvaron o traballo realizado por este grupo de estudantes e salientaron a importancia de involucrar á xente moza e ás crianzas na loita contra a desigualdade de xénero, especialmente a través do eido educativo.

Precisamente, dentro da campaña do 8 de marzo, desenvolveranse diferentes obradoiros e iniciativas, adaptadas ás idades do alumnado, para traballar estas cuestións.