O Centro Cultural de Carballedo acolleu este domingo a clausura do I Encontro Tradicional Antonio Fraguas.
Numeroso público asistiu a esta homenaxe aos pioneiros na recuperación da música tradicional, a danza e a cultura galega, organizada pola Asociación Cultural Os Afoutes do Canón de Pau en colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade.
Foi un recoñecemento colectivo ao mestre fundador da Escola de Danzas de Carballedo, Wenceslao Cabezas del Toro "Polo", así como á Escola de Gaitas de Carballedo na figura dos mestres Ricardo Portela e Hipólito Cabezas.
Tamén durante toda a xornada mantívose aberta ao público unha exposición de traxes tradicionais, fotografías e anacos da historia destas dúas entidades formativas e recuperadoras do folclore galego afincadas na parroquia de Carballedo.
O encontro rematou cun concerto dos Fervellos do Pío, Gaiteiros das Rías Baixas e, os anfitrións, Os Afoutes do Canón de Pau.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela felicitou aos membros da Asociación Cultural Os Afoutes do Canón de Pau e agradeceu o esforzo por recuperar, conservar e dignificar a memoria e a lembranza de todo un pobo, realizado pola Escola de Danzas de Carballedo, a Escola de Gaitas de Carballedo, Wenceslao Cabezas del Toro "Polo", así como o afamado gaiteiro de Viascón, Ricardo Portela, e Hipólito Cabezas.