O humorista Carlos Blanco ofrécese a actuar en Hospitais e Residencias de Galicia en agradecemento ao persoal sanitario e coidadores

Pontevedra
11 de abril 2020

"Será un pracer agradecervos cun pouco de humor todo o que estades facendo por nós", con estas palabras o actor arousán realizaba este sábado 11 de abril o seu ofrecemento para actuar nos vindeiros meses nos centros hospitalarios e residencias de Galicia. Carlos Blanco mantén en cartel as funcións con Xosé A. Touriñán no Pazo da Cultura prevista para o 19 e 20 de xuño

Carlos Blanco
Carlos Blanco / Diego Torrado

Sobre as 11.00 horas deste sábado 11 de abril, o actor e humorista arousán Carlos Blanco subía ao seu perfil da rede social Facebook un ofrecemento coas seguintes palabras: "Dende aquí ofrézome para actuar nos vindeiros meses en Hospitais e Residencias de toda Galicia. Será un pracer agradecervos cun pouco de humor todo o que estades facendo por nós. Grazas!".

Centos de seguidores do cómico respondían inmediatamente con múltiples agradecementos a este xesto de xenerosidade por parte do artista con peticións como a de Elisa Bouza: "Como me gustaría que actuaras tanto en Montecelo como no Salnés, para @s compañeiras que agora están no frente e para@s que despois teremos que traballar arreo para atender as consultas anuladas. Bicos" ou como Paula Regueiro Perez, que manifiesta: "Carlos, no sabes como te lo van agradecer!!. Los días tanto en los hospitales como en las residencias son muy largos para todos... y cuando se rompe la monotonía( para bien) es una fiesta".

O actor, polo momento, mantén en cartel o espectáculo 'Unha noite na praia', que estaba previsto para o venres 19 e o sábado 20 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra nunha montaxe en que comparte escenario co humorista Xosé A. Touriñán.

Carlos Blanco, durante este estado de alarma, enviou por Facebook mensaxes de apoio ás persoas que se atopan en residencias de Galica pasando este momento complicado ante o perigo de contaxio do COVID-19.