O grupo de teatro da UNED Sénior pon en escena este mércores ás 19 horas no salón de actos do centro en Monte Porreiro a obra "En ciernes", escrita e dirixida por Lola Correa Sobrido, docente e xestora cultural. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.
Esta actividade, que coordina o responsable do departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, Rafael Cotelo Pazos, forma parte do proceso de formación levado a cabo por Lola Correa Sobrido dentro da UNED Sénior e é "unha apaixonante e divertida historia de xente facendo teatro".
O elenco de actores, alumnos do centro asociado da UNED en Pontevedra, forman parte desta aula de teatro que ten como obxectivo facer que os participantes adquiran as ferramentas básicas para a formación dunha compañía teatral que cimente o proceso evolutivo na conformación da mesma así como crear unha obra e poñela en marcha para a posterior exhibición.
A obra vira ao redor de situacións divertidas dun grupo de persoas que se reúnen e que teñen en común a súa paixón polo teatro.
Esta comedia promete facer pasar ao público un momento entretido e é un bo motivo para volver ver sobre o escenario aos alumnos da UNED Sénior.