O Grove mantén un mes de maio comprometido coas Letras Galegas

O Salnés
10 de maio 2018

O Concello do Grove ten previstas unha chea de actividades para estes días en conmemoración das Letras Galegas, facendo do mes de maio "O mes das letras"

Concello do Grove
Concello do Grove / PontevedraViva

O Concello do Grove ten previstas unha chea de actividades para estes días en conmemoración das Letras Galegas, facendo do mes de maio "O mes das letras". Ademais da celebración de contacontos e o programa de Cinemas de Galicia, o propio día 17 de maio a tradicional festa do Día das Letras Galegas trasladarase á rúa Castelao.

Neste novo emprazamento estarán presentes os libreiros locais, cunha venda especial de obra en galego. Tamén estará Xarope Tulú, que a partires das 11.30 horas entreterá aos mais cativos cos seus contacontos. Xa as 12.30 horas chegará a quenda do I Recital poético das Letras Galegas que organiza a sección de poesía da Asociación Cultura Enxebre "LetraEnxebre".

Ao seu remate será a agrupación Paradanda-Mecos quen poña música galega a esta mañá de festa. Pola tarde na Praza do Corgo a agrupación Cantodorxo celebrará a VIII Festa das Letras con xogos e actividades para os pequenos. 

Para os cativos, ademais dun contacontos sobre a vida e obra da homenaxeada este ano nas Letras Galegas, María Victoria Moreno, a cargo de Polo Correo do Vento o 18 de maio ás 18.00 horas, a Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey acollerá o espectáculo de Monicreques Kukas "O encoro enmeigado". 

Tamén a música en galego estará presente neste mes das letras. A cantante Sonia Lebedynski actuará o sábado 26 de maio ás 19.00 horas na rúa Castelao e a Coral da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove ofrecerá o seu tradicional Concerto das Letras Galegas ao día seguinte na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.

Haberá ademais unha mostra de creadores locais grazas ao mercado Grovemakers e un evento solidario como é o Mercado do Libro e das Flores organizado pola ONG Por una sonrisa do Grove. Todas estas actividades celebraranse na rúa Castelao.