O Garaxe Hermético ou como Pontevedra converteuse na Galia da banda deseñada en España

Pontevedra
05 de maio 2013

A primeira escola galega profesional de banda deseñada e ilustración cumpre un ano con novos retos no horizonte. O proxecto liderado polo debuxante Kiko da Silva só pode compararse con centros existentes en Madrid e Barcelona, "chama moito a atención o que está a pasar en Galicia coa banda deseñada porque non temos industria, naceu da propia ansia dos autores"

O Garaxe Hermético
O Garaxe Hermético /

Madrid e Barcelona copan a industria e creación nacional no mundo da banda deseñada, pero unha pequena aldea do norte peninsular resístese ao dominio romano e baixo o mando de Kiko da Silva revelouse contra a teoría de que hai que emigrar para poder formarse e progresar nunha profesión como a de ilustrador e debuxante.

Recordando á historieta de Astérix o Galo creada por René Goscinny e Albert Uderzo alá polo ano 1959, da Silva converteu a Pontevedra nunha especie de Galia no mundo do cómic coa creación da primeira escola galega profesional de banda deseñada e ilustración, O Garaxe Hermético, que acaba de cumprir o seu primeiro ano de vida.

Kiko, lixeiramente atordado pola grande aceptación do primeiro curso académico que imparten (contan con 40 alumnos e o 98% das prazas cubertas), recoñece que só en Barcelona e Madrid existen centros de formación similares, aínda que con algunhas lixeiras diferenzas, "chama moito a atención o que está a pasar en Galicia coa banda deseñada porque non temos industria, naceu da propia ansia dos autores. Neste momento en España só hai escolas de banda deseñada en Barcelona, Madrid e agora en Galicia e iso chamou moito a atención alá, de feito o máis simpático é que imos alí e os propios autores nos dicen 'quiero ir a la escuela'. José Luis Martín, dono e fundador de El Jueves cando me viu este ano o primeiro que me dixo é 'quiero volver a Pontevedra e ir a tu escuela', que cho diga alguén da importancia do creador de El Jueves o que te indica é que hai interés no que estamos a facer".

Polo momento, o primeiro curso céntrase no cómic, pero xa se están a preparar para ampliar a súa oferta cara á ilustración e outras opcións artísticas, "imos pouquiño a pouco, paseniño, neste momento só temos curso aberto de banda deseñada e a partir do ano que ven prepararemos o de ilustración. Para nós tamén é a primeira vez que damos esto de maneira profesional e cun temario moi amplo e queremos facelo o mellor posible".

O Garaxe Hermético é un proxecto moi persoal e que ademais naceu nun momento moi complicado para poñer en marcha novas iniciativas, pero para Kiko da Silva primaron máis outros aspectos como a ilusión en desenvolver o sector en Galicia, dende casa e con vocación de poder exportar banda deseñada galaica ao mundo, "queda moito por facer pero xa temos avanzado. Empeza a haber editorias que editamos banda deseñada, hai editoriais tradicionais como Galaxia, Xerais ou Kalandraka que xa fan colección de BD, pero nos quedaba a formación. Esto naceu por un motivo básico, que era poder ensinar esta profesión dende un punto de vista profesional. Eu quería ensinar esta profesión como se podía aprender antes, indo a un taller".

Os alumnos da escola pontevedresa non reciben unha titulación oficial pero o máis importante, segundo da Silva, é que sairán do centro coñecendo unha profesión que cualifica de apaixonante, "non me importa non ter titulación oficial porque ao final un título nesta profesión non implica absolutamente nada, o que van a valorar é o teu traballo, se entregas e si eres profesional".

Ademais do seu director O Garaxe Hermético conta nas súas filas con tres profesores fixos como Fran Bueno, Fernando Iglesias "Kohel" e Miguel Porto, e as colaboracións permanentes de Miguelanxo Prado cos seus seminarios de banda deseñada.