Kiko da Silva, ilustrador, debuxante e director do Garaxe Hermético, móstrase entusiasmado tras recibir a invitación para que a escola pontevedresa participe na European Comic Schools Contest 2018, un dos máis importantes concursos europeos de ilustración e banda deseñada para entidades que se dedican a formar a creadores de cómics. Nesta ocasión foron seleccionadas máis de 30 escolas de oito países europeos para participar neste certame.
O editor de cómic francés Frédéric Toutlemonde, coñecido no mundo da viñeta, por promover publicacións de autores europeos en Xapón foi o encargado de comunicar ao director da escola pontevedresa que fora seleccionada para participar neste concurso.
"Que nos tivera en conta é xa un éxito para o Garaxe", indica Kiko da Silva, que agradece ao guionista do exitoso cómic 'Blacksad', Juan Díaz Canales, o seu labor de difusión do Garaxe Hermético ante os organizadores do European Comic Schools Contest 2018.
Os proxectos para participar deben presentarse antes do mes de maio. A partir de aí comezará unha fase de clasificación e a organización seleccionará os finalistas. En xuño, os mestres Ken Niimura e Yoshiyasu Temura darán a coñecer cales son as escolas gañadoras da edición deste ano