O Galegote, sen premio nuns Martín Códax da Música que recoñecen a Guadi Galego, Terbutalina ou Mondra

Pontevedra
16 de maio 2024

Non puido ser. O Galegote Rock, o festival de bandas galegas que se celebra cada ano en Pontevedra, quedou ás portas de gañar o galardón ao mellor festival na undécima edición dos Premios Martín Códax da Música, que se entregaron nunha gala que acolleu o Pazo da Cultura de Pontevedra

Entrega en Pontevedra da undécima edición dos Premios Martín Códax da Música
Entrega en Pontevedra da undécima edición dos Premios Martín Códax da Música / Mónica Patxot

Non puido ser. O Galegote Rock, o festival de bandas galegas que se celebra cada ano en Pontevedra, quedou ás portas de gañar o galardón ao mellor festival na undécima edición dos Premios Martín Códax da Música, que se entregaron nunha gala que acolleu o Pazo da Cultura de Pontevedra.

Nela, a cantante e compositora compostelá Gloria Pavía recibiu o galardón á artista emerxente do ano despois de gravar o seu primeiro EP titulado "Novas flores", que nas súas propias palabras é unha recompilación de cancións "sobre o amor e as flores silvestres".

Os Premios Martín Códax da Música, que recoñeceu aos mellores proxectos musicais do ano en quince estilos, comezou a gala entregando á banda viguesa Her Anxiety o galardón na categoría de metal; e a Guadi Galego o de canción de autora.

Brais Morán & Nasaufunk foron os premiados en blues, funk e soul, o cantante e bailador Mondra foino en electrónica e o dúo Caamaño & Ameixeiras na categoría de folk.

Pola súa banda, o recoñecemento na categoría de música tradicional foi para Os Melidaos; Catuxa Salom, unha das revelacións máis recentes da escena galega, recolleu o premio de músicas do mundo e mestizaxe; e Terbutalina o de mellor banda de rock e punk.

A Agrupación Musical de Goián, que mestura voces e instrumentos tradicionais con outros contemporáneos, recibiu o premio entre as bandas de música popular; a coruñesa hynd en música urbana e América de Vigo en orquestras, grupos e música de verbena. 

En música clásica e contemporánea, o Premio Martín Códax da Música foi para Carme López, mentres que Pablo Sanmamed Trío e Benxamín Otero recibiron o de jazz e músicas improvisadas e a poeta Lucía Aldao foi recoñecida na categoría de pop e indie.

O último premio concedido nesta gala foi para Uxía Lambona e a Banda Molona, que levou para casa o galardón en música infantil.

A gala dos Premios Martín Códax da Música, que estivo presentada por Xurxo Souto e contou coas actuacións da Banda Xangai, Ugia Pedreira, MJ Pérez, Sofía Espiñeira e Inés Naya, entregou ademais o premio honorífico a Emilio Cao pola súa traxectoria musical.

No marco destes galardóns, tamén se entregaron os Premios Organistrum, que recaeron en Miudiño Sessions como proxecto de comunicación, As Nosas Músicas de Couso como festival e A Arca de Noé (Vilar de Santos, Ourense) como sala.