O Galegote Rock 'invadirá' o parque das Palmeiras para presumir de música en galego

Pontevedra
29 de marzo 2019

O Galegote Rock, un dos festivais máis ' enxebres' que se celebran en Galicia, regresa con forzas renovadas. Manterá o seu espírito intacto, apostando por bandas e artistas do país e por unha "querenza" pola música en galego. Iso si, haberá novidades. O principal cambio, en parte obrigado polos Mundiais de tríatlon, será o seu escenario principal

Presentación do Galegote Rock 2019
Presentación do Galegote Rock 2019 / PontevedraViva

O Galegote Rock, un dos festivais máis ' enxebres' que se celebran en Galicia, regresa con forzas renovadas. Manterá o seu espírito intacto, apostando por bandas e artistas do país e por unha "querenza" pola música en galego. Iso si, haberá novidades. O principal cambio, en parte obrigado polos Mundiais de tríatlon, será o seu escenario principal.

Na súa oitava edición, o Galegote Rock ofrecerá gran parte dos seus concertos nun espazo ata agora inédito para este tipo de eventos, o parque das Palmeiras. Será o próximo 27 de abril, coincidindo coa celebración deste evento deportivo que permitirá, segundo o edil de Xuventude, Alberto Oubiña, que xente de todo o mundo goce da música en galego.

Oubiña, que destacou o carácter "consolidado" desta aposta cultural, sinalou que o festival encaixa coa filosofía municipal de difundir a lingua galega e, a través de artistas de diferentes estilos, "chegar á xente máis nova" para que consuman música de bandas galegas durante todo o ano.

A sesión 'vermú' do Galegote Rock seguirá celebrándose en diferentes espazos do centro histórico. Arrancará ás 12.00 horas cun concerto de Marcelo Dobode no Campiño de Santa María, no que deixará ao carón a súa vertente folk e presentará o seu novo traballo discográfico, que conta cun estilo máis funk.

Ese mesmo espazo acollerá, ás 14.00 horas, ás seis bandas do programa Xeración Sónica, adolescentes de 12 a 16 anos que cantan en galego. A oferta matinal complétase con Pantis, ás 13.00 horas, na rúa Sor Lucía; e coa sesión DJ de Manuele Caamagno, que ofrecerá música rock en galego ás 15.00 horas na Praza de Méndez Núñez.

A música chegará ás Palmeiras, a partir das cinco da tarde, coa actuación de Grilo, unha banda de rock urbano, co indie electrónico de Chicharrón (18.00 horas) ou co pop protesta de Oh! Ayatollah (19.00 horas).

O prato forte deste Galegote Rock será a aposta pola música heavy de Malandrómeda, que actuará ás oito da tarde; e a presentación do novo disco de Terbutalina, que soará en directo desde as nove da noite.

SESIÓNS PREVIAS

Para quentar motores, o Galegote Rock propón varias actividades nos días previos. Así, o xoves 25 de abril haberá unha obra de teatro musicalizada, Ele e Dylan: As flores solitarias, en A taberna do jazz (20.00 horas), ao que seguirán o música rap e trap das viguesas High Paw en O Diaño (21.00 horas) e da banda indie Boyanka Kostova (22.00 horas) na Sala Karma.

Pola súa banda, o venres 26 de abril o Sr. Anido actuará ás nove da noite en The Groove House e Gancho Sanches (22.00 horas) fará o propio en El Pequeño.