Dúas bandas portuguesas formarán parte por primeira vez do cartel do Galegote Rock, que volve a Pontevedra o vindeiro sábado 27 de abril. Faino coa súa duodécima edición na que, ademais, regresará ao seu ambiente natural: os bares da cidade.
"A música ten que estar nos bares", defendeu o seu director, Marcos Rivas, que se mostrou moi satisfeito cos catorce concertos que se ofrecerán este ano no único festival "que ten o galego como requisito" para poder actuar.
Niso coincidiu o edil de Cultura, Demetrio Gómez, para quen os bares son "o mellor ambiente para o rock porque xunta ambientes e públicos". Será, nesta ocasión, un único día de concertos para concentrar toda a oferta musical que se configurou para este ano.
O cartel do Galegote Rock, deseñado este ano por Guillotina Studios, arrancará ás 12:30 horas no Campiño de Santa María co espectáculo infantil Contos nas verzas, a cargo das artistas pontevedresas Cora Velasco e Sandra Ansín.
Á mesma hora, no Tábula Rasa, o Galegote Rock brindará a súa particular homenaxe ao músico Dany Moure, falecido o pasado mes de agosto. A banda Moucho e varios ddos seus ex compañeiros interpretarán varias das súas cancións.
Os marinenses Lacón sen Jrelos tomarán o relevo nese mesmo escenario á unha da tarde, mentres que media hora despois actuará a banda de folk tradicional Caldo en O Panderetas e, ás dúas da tarde, soará o pop urbano de Filloas no local de Nasa.
Tras un descanso para comer, a música regresará ás 16:30 horas en O Grifón con Debajodelapalmera, cun espectáculo de poesía adaptada ao galego e musicada polo artista pontevedrés Rodrigo Valiente.
Ataque Escampe, unha das referencias do pop en galego, actuará na Formiga ás cinco e media da tarde; e Duendeneta Dilleis porá música de bandas galegas desde os anos 60 ata a actualidade, ás 18:30 horas, no Campiño de Santa María.
Tamén ás seis e media da tarde, o público poderá gozar do folk tribal de Zeltia Irevire, en formato trío, en O Diaño; tras o cal será a quenda do pop rock de autor de Michu da Rocha no Chirala, un artista con toques humorísticos e reivindicativos.
Duques do Precariado será unha das bandas portuguesas que actuarán no Galegote Rock, facendo soar o seu folk americano en Sopa de Gallo (20:30 horas) e a súa compatriota, a compositora Érika Machado, actuará ás once da noite en The Groove House.
Dous artistas da aceleradora musical de Fundación Paideia, Amoebo e Hydn, completarán o cartel desta edición do Galegote Rock.