O 'freestyle' galego cítase este sábado en Marín para disputar a final autonómica de batallas de rap

Marín
18 de maio 2023

A Granxa de Briz acollerá, un ano máis, a Final Autonómica de BHB (Best Hit Battles), unha das organizacións máis relevantes do panorama galego das denominadas "batallas de galos". Os dous finalistas gañarán un billete á Final Nacional desta disciplina, que se celebrará, como é habitual, en Alacante.

Batalla de rap de BHB en Pontevedra
Batalla de rap de BHB en Pontevedra / BHB

A Granxa de Briz acollerá, un ano máis, a Final Autonómica de BHB (Best Hit Battles), unha das organizacións máis relevantes do panorama galego das denominadas "batallas de galos". Os dous finalistas gañarán un billete á Final Nacional desta disciplina, que se celebrará, como é habitual, en Alicante.

HISTORIA DE BHB

BHB conta con dous organizadores, ambos natais da localidade de Marín: o fundador Bastián Hermo, coñecido neste gremio como Basti, e a súa man dereita, Javier Polo. Basti explica que a súa organización naceu no ano 2018 co obxectivo de revitalizar a cultura do freestyle na provincia de Pontevedra.

O seu primeiro evento celebrouse en novembro do 2018 baixo o nome de Briz Battle, facendo referencia ao lugar no que se celebraría esa competición, a Granxa de Briz. Case cinco anos despois, BHB posicionouse como unha das organizacións referentes en Galicia.

Á marxe desta Final Autonómica, principal evento de BHB, o seu fundador explica que tamén son colaboradores de Gallos del Norte, unha plataforma de freestyle galego que potencia esta disciplina en Galicia. Doutra banda, Basti aclara que "tamén contamos co respaldo do Concello de Marín, que confía en nós para organizar este tipo de eventos".

FINAL AUTONÓMICA

Esta edición da Final Autonómica de BHB celebrarase o sábado 20 de maio ás 17:00 horas na Granxa de Briz, en Marín. O evento conta con oito clasificados que competirán por dous galardóns.

O primeiro deles, proclamarse como campión de toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Doutra banda, os dous finalistas gañarán un billete para participar na Final Nacional de General Rap, unha das principais organizacións de toda España.

Esta Final Nacional celebrarase no mes de agosto en Alicante, e os dous clasificados por Galicia viaxarán con todos os gastos pagos para pelexar polo título de campión do país. Basti explica que "é unha nacional moi importante xa que o campión gañará 20.000 puntos na clasificación de ascenso á FMS, a liga profesional de freestyle de España". 

Doutra banda, o organizador de BHB tamén explica a importancia da Final Autonómica xa que "o campión gañará 5.000 puntos e o subcampión 3.750. É moi importante para os rapaces que queiran loitar polo ascenso á FMS".

Os oito clasificados á Final Autonómica son Jota (Ponteareas)e Sozat (Lugo), finalistas da edición do 2022; Mike (Ferrol), Ser (Ferrol) e Adriano (Pontevedra), clasificados na rexional da Coruña; e Anxo (Vigo), Galez (Vigo) e Simm (Vigo), que obtiveron o seu posto para esta competición na rexional de Vigo.

"Esta competición é moi importante para os chavales que queren ascender á FMS"

O evento contará con Claudio como mestre de cerimonias, que conta con experiencia en diversas competicións de ámbito nacional. Doutra banda, o encargado de poñer os ritmos sera Affair, consagrado nesta profesión como o principal DJ en batallas de rap en Galicia.

Finalmente, a Autonómica contará cun xurado que decidirá quen será o campión do evento. Os responsables de votar quen gaña cada rolda serán Polo (Marín), Kastro (Vigo), Xenxo (Ourense), Gapcloser (Pontevedra) e o propio Basti (Marín)

O FORMATO 

O evento contará con varios concertos que completarán a programación desta Final Autonómica. En primeiro lugar actuará o grupo pontevedrés MKP, seguidos do artista lerezano Gapcloser, o marinense Alexandre e os mozos do Cypher 36900 Vol.1

As batallas de rap comezarán cun formato chamado Seven to Punch no que todos os participantes iranse enfrontando entre eles para decidir os seus postos no cadro do torneo. Posteriormente, as roldas eliminatorias arrincarán desde os cuartos de final. 

Cada rolda contará con distintos formatos nos que os participantes terán que improvisar sobre temáticas, obxectos, ou de maneira libre. Basti aclara que a intención disto é obrigar os competidores a improvisar no momento cos distintos estímulos que se lle ofrecen, algo que é a base das batallas de freestyle