O fotógrafo israelí Miki Kratsman confirma que participará na Bienal de Arte

Pontevedra
27 de setembro 2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de recibir no Museo de Pontevedra ao fotógrafo israelí Miki Kratsman e confirmou que participará na recuperada Bienal de Arte

Rafa Domínguez saúda ao fotógrafo israelí Miki Kratsman
Rafa Domínguez saúda ao fotógrafo israelí Miki Kratsman /

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de recibir no Museo de Pontevedra ao fotógrafo israelí Miki Kratsman e confirmou que participará na recuperada Bienal de Arte. Na súa visita, o artista percorreu da man de Domínguez o Edificio Castelao e a exposición 'A Era das Fábulas'.

A XXXII Bienal de Arte de Pontevedra regresa despois de 15 anos á Boa Vila baixo o título "Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais", e atraerá artistas destacados como Francesc Torres, Farida El-Gazzar, Patrice Warrener, Raida Adon, Marina Núñez, Manuel Casimiro e Miki Kratsman, e outros moitos de relevancia internacional. 

A Bienal promoverá o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando a cidade no evento ao fomentar a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.

Miki Kratsman é un fotógrafo, profesor e activista nado en Arxentina en 1959 mais emigrado a Israel en 1971. Desde hai máis de 30 anos dedícase a documentar a evolución do conflito palestino-israelí e, sobre todo, as súas consecuencias na vida cotiá da poboación palestina e das minorías desfavorecidas de Israel. Polo seu traballo ten recibido numerosos galardóns e recoñecementos.