O FICBUEU trae a Galicia por primeira vez o Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam

Bueu
08 de xaneiro 2024

O venres 12 de xaneiro o Centro Social do Mar de Bueu acollerá a proxección, por primeira vez en Galicia, das seis pezas audiovisuais que optan ao Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam. Farase ás 21:00 horas. Para asistir é preciso mercar entrada a través da tenda web do festival ou no despacho de billetes 

Fotograma de 'A capella in D Minor'
Fotograma de 'A capella in D Minor'

O venres 12 de xaneiro o Centro Social do Mar de Bueu acollerá a proxección, por primeira vez en Galicia, das seis pezas audiovisuais que optan ao Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam.

Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés, brindando oportunidades de exhibición, conectando cunha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria.

Cada ano, en colaboración con outras institucións e festivais de todo o mundo, Shortcutz Amsterdam convida ao público internacional a escoller a súa curtametraxe neerlandesa favorita do ano. Ata o 19 de xaneiro, as persoas interesadas poden asistir ás proxeccións que se levarán a cabo en todo o mundo, desde Berlín e Londres ata Atenas ou Maputo, pasando por Galicia por primeira vez. 

Da man do FICBUEU, esta proxección farase ás 21:00 horas no Centro Social do Mar de Bueu. Para asistir é preciso mercar entrada a través da tenda web do festival (www.ficbueu.com/tenda) ou no despacho de billetes do auditorio da vila a partir das 20:30 horas. 

Durante a proxección, a organización proporcionará á audiencia papeletas para participar na votación global e escoller a mellor curtametraxe. A gañadora xeral darase a coñecer na cerimonia de entrega de premios do 11º Shortcutz Amsterdam o 21 de xaneiro de 2024. 

Os filmes que conforman a sesión son: A Capella in D Minor, de Malu Janssen; Fly, de Patty Stenger; Gnomes, de Ruwan Heggelman; I'm not a robot, de Victoria Warmerdam; Jammed, de Isis Cabolet; e New Babylon, de Gideon van der Stelt.