O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu) xa está ás portas da súa 15 edición e este venres presentou a programación, que este ano retoma a súa vella normalidade previa á pandemia da covid-19 e estrea nova imaxe e estrutura.
A edición 2022 comezará o 11 de setembro e terá un amplo programa de actividades ata o día 24, cun novo formato que vai máis aló do festival, co obxectivo de poñer en valor os proxectos que se realizan durante os meses anteriores e posteriores ao evento.
A estrutura do FICBueu basease agora nas principais accións que a organización leva a cabo durante todo o ano: o festival de curtametraxes, as colaboracións con diferentes festivais, entidades e asociacións, as novas xornadas cinematográficas e o futuro proxecto de residencia de creación.
As sesións de proxección seguirán a ser a parte principal do festival de curtametraxes, que dará comezo co acto inaugural do día 11 de setembro, onde se estrearán dúas pezas realizadas coa Asociación Érguete de Vigo e coa Asociación Juan XXIII de Cangas.
A programación recollerá máis de 100 curtametraxes e varios coloquios coas directoras e directores, ademais doutras actividades como Carne Cruda, o podcast Espazo Negativo, a VII Ruta das Tapas 5 Estrelas, o V Mercado de Curtametraxes ou a presentación do Caderno FICBueu#3, que nesta ocasión está adicado, como a Sección Retrospectiva, ás primeiras escolas de cinema de España, o IIEC e a EOC, centrándose na etapa que vai dende 1947 ata 1976.
Un dos grandes días desta edición será o sábado 17, no que ademais dalgunhas das actividades anteriormente citadas tamén se poderá asistir ás Seccións España e Galicia R, á entrega de premios, a diversos coloquios e ao concerto de clausura.
Nunha segunda semana terá lugar o MiniFIC, a programación especial para a rapazada e os centros de ensino, que contará cunha duración de cinco días, dende o luns 19 ata o venres 23.
O festival rematará coa principal novidade desta decimoquinta edición, as xornadas cinematográficas, un espazo para a reflexión sobre a arte do cinema da man de diferentes profesionais do sector. Estes encontros, que terán entrada de balde con previa reserva de praza a través da páxina web do FICBueu, realizaranse o sábado día 24 baixo o nome I Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempo.
A apertura da programación deste novo proxecto virá da man de José Manuel Mouriño, cineasta e investigador especializado en Andrei Tarkosvski que falará sobre o tratamento do tempo nos seus filmes, seguido dunha conversa entre as críticas de Caimán - Cuadernos de Cine, Andrea Morán e Daniela Urzola. As actividades vespertinas comezarán cunha mesa redonda en liña moderada pola docente Diana Ramahí e na que intervirán as cineastas e montadoras Diana Toucedo, Ana Pfaff e Carolina Astudillo. Pecharán esta primeira edición das xornadas cinematográficas un encontro con Oliver Laxe conducido polo xornalista Ángel Suanzes e a proxección de Zerkalo (Andrei Tarkovski, 1975).
Toda a información poderá consultarse en http://www.ficbueu.com e nas diferentes redes sociais do festival.